Comesaña responsabiliza ao Goberno central da falta de médicos en Galicia: "ten que solucionalo"

Di que deixe de "mirar para outro lado" ante a falta de sanitarios.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 11/11/2022 | Actualizada ás 14:43

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, pediu este venres ao Goberno de España que deixe de "mirar para outro lado" e tome medidas para solucionar a falta de médicos.

"Hai un claro problema de falta de especialistas, estamos a ver hoxe que estes problemas tamén suceden en Madrid, Cantabria, Navarra, País Vasco... Todas as comunidades autónomas, as de maior e menor orzamento, sufrimos o mesmo problema e gustaríame saber canto ten que crecer este problema para que o Goberno de España tome medidas e non diga que este non é un problema seu", criticou Comesaña.

O responsable de Sanidade sinalou que "Galicia conta cun sistema no que para traballar hai que ser especialista e o que se está vendo é que todas as medidas acordadas polas comunidades autónomas no ano 2018 para modificar o sistema de formación e poder, de forma extraordinaria, formar a máis médicos, o Goberno, que ten esa competencia, segue mirando para outro lado".

"Non hai médicos especialistas. Calquera médico especialista dispoñible será contratado ao día seguinte polo Servizo Galego de Saúde (Sergas)", asegurou Comesaña.

CONVOCATORIA MIR

O conselleiro de Sanidade tamén falou da convocatoria MIR deste ano. "Convocáronse máis de 8.000 prazas para 12.000 médicos. Isto supón que 4.000 médicos graduados en España non van poder acceder á formación especializada porque o Goberno segue sen adecuar o número de prazas á necesidade", criticou Comesaña.

O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña
O conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta