Por Europa Press / Redacción | Lugo | 12/11/2022 | Actualizada ás 12:03
A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo xulga o mércores 16 de novembro, ás 10,00 horas, a un concelleiro do BNG de Burela por pedir o voto para a formación nacionalista nas súas redes sociais durante a xornada de reflexión das pasadas eleccións autonómicas. Por estes feitos, a Fiscalía pide para el máis de 4.300 euros de multa.
Segundo o escrito de Fiscalía, durante a xornada de reflexión ás eleccións ao Parlamento de Galicia, que se celebraron o 12 de xullo de 2020, o acusado, membro da corporación municipal de Burela, publicou na súa conta persoal de Facebook unha petición expresa de voto para a formación política á que representaba, o que supón "un acto de propaganda electoral dirixido a persuadir aos cidadáns para que emitan o seu voto a favor dun candidato".
Ademais, segundo o Ministerio Público, o acusado acompañou esta acción de carteis electorais nos que aparecían as imaxes coas candidatas do partido, á Presidencia da Xunta e da cabeza de lista pola provincia de Lugo.
Así, a Fiscalía considera que o seu comportamento estaba orientado a "apartar ou desviar" o voto dunha determinada opción política, polo que "infrinxía a lexislación electoral" que "obriga a preservar a libre elección e o exercicio de voto os días das xornadas de reflexión e votación".
Por estes feitos, que considera constitutivos dun delito electoral, solicita para o acusado a pena de multa de 24 meses, cunha cota diaria de seis euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.