Inaugurado o primeiro tramo da autovía Nadela-Sarria, polo que se prevé que pasen 7.500 vehículos ao día

Rueda pide ao Goberno "que cumpra" coas súas infraestruturas tal e como está facendo a Xunta coas de titularidade autonómica e que conxele peaxes

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/11/2022 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou este mércores o primeiro tramo da AG-22, a autovía Nadela-Sarria, e aproveitou o acto para solicitar ao Goberno central "que cumpra" coas infraestruturas galegas, tanto coa conxelación das peaxes como co impulso da construción da A-54, entre Santiago e Lugo.

Ademais, durante o seu discurso, criticou a "paralización" doutras conexións como as autovías da Mariña, a de Ourense-Lugo e a de Ourense-Ponferrada, á vez que apuntou á "falta de concreción" con respecto ao colapso do viaduto da A-6, que conecta Galicia con Castela e León.

En contraposición, segundo informa a Xunta, Rueda situou os avances nas infraestruturas de titularidade autonómica, pondo como exemplo a apertura dos 11 primeiros quilómetros da autovía Nadela-Sarria (que unen A Pobra de San Xiao e a ligazón de Sarria centro) tras un investimento de 25 millóns de euros por parte do Goberno galego.

Acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, entre outros representantes, o titular da Xunta destacou as vantaxes que supón este treito para o sur da provincia de Lugo, coa previsión de que o empreguen uns 7.500 vehículos ao día.

O tramo Nadela-Sarria permite dispor de catro carrís con pavimento de altas prestacións que acurtan os tempos de viaxe e facilitan unha condución "máis comoda e segura", tal e como destacou Rueda. Os próximos pasos serán completar o desdobre dos 16 quilómetros restantes entre A Pobra de San Xiao e Nadela.

Estes 11 quilómetros da AG-22 beneficiarán especialmente aos veciños de Sarria, Láncara e O Páramo, pero tamén aos condutores profesionais que circulen polo sur de Lugo. "E facémolo sen implantar ningunha peaxe, o que pensamos que é unha vantaxe moi importante, porque onde os hai, deben conxelarse, como fixo a Xunta, e onde é posible non polas, nós tampouco imos facelo", comprometeu Alfonso Rueda.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na posta en servizo da autovía AG-22 Nadela-Sarria
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na posta en servizo da autovía AG-22 Nadela-Sarria | Fonte: Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta