27 detidos e 5 toneladas de haxix incautada tras a desarticulación do grupo criminal de Arousa

A investigación considera que o 'xefe', alcumado 'O Panadeiro', tiña conexións con outros grupos de Marrocos, Portugal e o Estreito.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

A Policía Nacional considera que, tras as detencións realizadas o pasado luns, principalmente nos municipios da ría de Arousa, quedou desarticulada unha organización criminal galega dedicada presuntamente á importación de haxix. En total, foron apresadas 27 persoas e aprehendidas cinco toneladas de haxix, aínda que a operación segue aberta e non se descartan máis detencións.

No marco deste operativo, as forzas de seguridade practicaron un total de 23 rexistros domiciliarios e apresaron a 27 persoas nas localidades pontevedresas de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, Sanxenxo e Catoira, así como nun municipio da provincia de Biscaia.

A xuíza determinou o ingreso en prisión de cinco deles, un dos cales pode eludila baixo fianza de 80.000 euros. É o caso de R.B.C., alcumado 'O Panadeiro', veciño de Vilagarcía de Arousa e vello coñecido das forzas de seguridade, que xa foi condenado e enviado a prisión anteriormente por tráfico de drogas. Atribúeselle o exercer no seu día como lugartenente de David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña.

A Policía considera que 'O Panadeiro' mantén conexións con organizacións delituosas de Marrocos, Portugal, así como cos clans do Estreito, e que posúe a infraestrutura necesaria para realizar transportes de importantes cantidades de droga.

Segundo informou a Policía Nacional, as investigacións relacionadas con esta operación comezaron en setembro de 2021, cando se tivo coñecemento de que un grupo criminal estaba a introducir en España importantes partidas de haxix en pesqueiros e embarcacións de alta velocidade.

O acusado de tráfico de drogas Ramón Dorgambide (c) á súa chegada ao Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa para o xuízo por narcotráfico / Gustavo da Paz - Europa Press / Europa Press
O acusado de tráfico de drogas Ramón Dorgambide (c) á súa chegada ao Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía de Arousa para o xuízo por narcotráfico / Gustavo da Paz - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta