Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 24/11/2022 | Actualizada ás 17:40
Venus, o único programa que hai en Galicia de cans de terapia que acompañan no xulgado a menores vítima de violencia de xénero, atendeu xa a 85 desde a súa posta en marcha en 2020, segundo informa a Fundación María José Jove.
O proxecto desenvólvese nos concellos de Cambre, Betanzos e Curtis e, nos dous últimos, no Xulgado de Violencia contra a Muller de Betanzos. O programa é impulsado pola Fundación María José Jove e APICO (Asociación pola Igualdade e a Coeducación), coa colaboración de Candamín.
Bautizado como Venus (en homenaxe a unha cadela pioneira nos comezos e desenvolvemento deste tipo de programas), o proxecto consta de dúas partes: acompañamento dos menores nos xulgados co can e un programa máis amplo de terapia asistida con animais destinado a incrementar as posibilidades de superación emocional dos menores que sofren violencia de xénero.
Ademais, recentemente, engadiuse outra liña de intervención con menores en situación de vulnerabilidade e, proximamente, ampliarase ao núcleo familiar para axudar ás nais a xestionar as situacións do día a día cos seus fillos ante situacións de frustracións, problemas de conduta, medos e incertezas polo que están a vivir.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.