Pontón defende a lei do 'só si é si' como "un avance nos dereitos das mulleres"

Acusa ao PP de "carroñerismo político" e pide "máis medios para avanzar nunha Galicia libre de violencias machistas"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/11/2022 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu este sábado en solicitar á Xunta unhas "desculpas" e a retirada da polémica campaña contra a violencia machista porque "pretende trasladar a culpa" das agresións sexuais "ás mulleres".

Nunha intervención ante o Consello Nacional do Bloque, a líder da oposición galega volveu a cargar contra os carteis deseñados polo Goberno galego hai xa varias semanas, que recollen diferentes situacións cotiás para unha muller co texto: 'Vístese coas mallas de deporte. Vai correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa'.

Ana Pontón considera que a Xunta, en lugar de "responsabilizar aos agresores", quere dirixir a campaña ás mulleres para dicirlles que teñen "que vivir con medo". "Que non podemos saír á rúa a facer deporte con mallas ou que é a nosa responsabilidade controlar as copas ou a hora á que volvemos a casa. É intolerable que isto pase en pleno 2022 e que o PP non nos pida desculpas ás mulleres", esgrimiu.

De feito, a portavoz nacional do BNG comezou a súa intervención ante o Consello Nacional, celebrado no Hotel Congreso de Teo, felicitando ao movemento feminista galego porque o venres 25 de novembro, Día da Eliminación da Violencia contra a Muller, volveu "tomar as rúas para dicir alto e claro: nin un paso atrás nos dereitos das mulleres".

Ademais, censurou o "carroñerismo político" do PP, que "quere usar a dor das vítimas" para criticar a coñecida como lei do 'só si é si' por mor das rebaixas de condenas a agresores sexuais.

Para Pontón, esta norma "é un avance nos dereitos das mulleres" e "se hai algún fallo, que se cambie". "Pero iso non xustifica a campaña de carroñerismo político que vimos estes días", engadiu a líder nacionalista.

Fronte a esta postura do PP, a portavoz nacional garantiu que o BNG vai seguir " pedindo máis medios, máis recursos e máis dereitos para avanzar nunha Galicia libre de violencias machistas".

A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista
A líder do BNG, Ana Pontón, no Consello Nacional da formación fronstista | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta