Gómez-Reino, tras renunciar ao liderado de Podemos Galicia: "Despois das autonómicas, non foi sinxelo quedar"

A candidatura 'Rexurdir Podemos' acusouno de estar máis preto do proxecto político da ministra Yolanda Díaz que da dirección do seu partido a nivel estatal

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 26/11/2022 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O ata agora coordinador autonómico de Podemos Galicia, Antón Gómez-Reino, recoñeceu que despois dos comicios autonómicos celebrados en xullo de 2020, nos que a formación morada quedou fóra do Parlamento de Galicia, "non foi sinxelo quedar".

Na rolda de prensa de presentación do candidato a liderar agora o partido na comunidade ao amparo da candidatura 'Tecer Galicia', Borja San Ramón, Gómez-Reino asegurou que dá o paso de non repetir á fronte de Podemos Galicia, 48 horas despois de postularse, desde a perspectiva de que baixo esta candidatura representan, "senón a unidade, á maioría da organización" porque considera que é "suficientemente ampla e consolidada" para que "a asemblea cidadá se resolva positivamente".

Así, afirmou que mantiveron "un debate franco" na organización e recoñeceu que despois das eleccións autonómicas "non foi sinxelo quedar".

"Probablemente fose máis sinxelo dar un paso atrás e dedicarme só ao Congreso, pero froito desa posición e dun debate colectivo, entendemos que a miña marcha podería xerar o efecto contrario: xerar inestabilidade na organización. Pensamos que habería que quedar coa condición de ir abrindo e creando equipo", explicou o tamén deputado no Congreso.

Cuestionado en concreto pola decisión de non repetir como candidato a liderar Podemos Galicia, Gómez-Reino evitou pronunciarse sobre as críticas da candidatura 'Rexurdir Podemos', que o acusou de levar a organización "á desaparición" e de estar máis preto do proxecto político da ministra Yolanda Díaz que da dirección do seu partido a nivel estatal.

A pesar disto, segundo relatou Gómez-Reino, nos últimos días, "froito de ver que esta candidatura recollía a pluralidade da organización" considerou que "é o momento de dar ese paso". Un paso, engadiu, "que estaba en mente" pero que "necesitaba un empuxón".

Con todo, dixo que respectan aos compañeiros da outra candidatura, aínda que insistiu en que 'Tecer Galicia' "representa á maioría da organización".

OBXECTIVO: "ACABAR CO GOBERNO DO PP NA XUNTA"

Para Gómez-Reino, que ocupará o número tres nesta candidatura, Borja San Ramón será o próximo secretario xeral e "construirá unha organización forte e preparada" para o ciclo político que queda por diante.

"Vai ser fundamental para acabar dunha vez por todas co Goberno do PP na Xunta. Quero que o noso espazo estea na Xunta e con condición de posibilidade de que haxa un cambio de Goberno que, evidentemente, vai ter que ser de coalición, pero progresista", remarcou.

Así, mostrouse "moi satisfeito e contento" de que persoas como Borja San Ramón ou Verónica Hermida, secretaria de Feminismos e de coordinación de Política Territorial que irá de número dous nesta lista, "estean a dar un paso adiante".

"A CANDIDATURA DA UNIDADE"

Nesta mesma liña, Borja San Ramón, ata agora adxunto á secretaría xeral e tamén candidato á Alcaldía de Ferrol, defendeu que presenta a súa candidatura á coordinación "despois de anos de percorrer a organización de punta a punta coñecendo a todos os militantes e inscritos e a toda a xente activa".

Por iso, cre que é o momento de "priorizar" e de "pór en funcionamento a maquinaria da organización para todo o que vén". "Estamos convencidos de que imos ser unha sorpresa nas próximas municipais", exclamou antes de engadir que "200 persoas se presentaron ás primarias en 50 concellos distintos".

Antón Gómez-Reino en declaracións aos medios
Antón Gómez-Reino en declaracións aos medios | Fonte: En Común

PROCESO DE PRIMARIAS

Os militantes de Podemos Galicia están chamados a votar nas primarias para renovar a dirección do partido morado galego entre o 8 e o 14 de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Acabar co goberno do PP na Xunta ? Este sabe que non hai eleccións en Galicia ?