Avanza o polígono agroforestal de Oímbra para volver darlle uso á terra abandonada

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 14:45

Comparte esta noticia

O conselleiro do Medio Rural, José González, visitou este sábado a localidade ourensá de Oímbra para coñecer os avances no polígono agroforestal do municipio, así como para supervisar os labores de roza que levan a cabo para preparar o terreo.

Segundo destacou a Xunta, durante a visita, o representante autonómico confirmou que esta iniciativa conta co estudo de viabilidade favorable e coa declaración de utilidade pública e interese social, polo que se comezaron os traballos de redacción do seu Proxecto básico.

O polígono abarca unha superficie de case 22 hectáreas distribuídas en 72 parcelas correspondentes a 73 propietarios. A súa principal orientación produtiva, explicou a Xunta, é cara a cultivos de horta, como os da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Oímbra, e leñosos.

O conselleiro apuntou que este polígono se suma a outros 14 xa iniciados ou en actuacións previas na provincia ourensá, que representan a maioría dos 21 abertos no conxunto de Galicia.

Neste senso, matizou que hai diferentes iniciativas abertas, entre as que destacou o polígono da Gudiña, o de Castiñeiros en Riós e os de Monterrei e Cualedro.

Ademais, González puxo en valor as aldeas modelo e reivindicou que, tamén neste caso, 14 das 21 aldeas aprobadas na comunidade, corresponden a Ourense.

Neste contexto, González sinalou que o obxectivo dos polígonos agroforestais céntrase na volta á produción de terra abandonada de extraordinaria calidade, como no caso de Oímbra, potenciando os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal), segundo o tipo de cultivo máis adecuado ou con maior tradición en cada zona.

Cultivos
Cultivos | Fonte: Greenpeace

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta