A vacinación masiva contra a gripe nos menores de 5 anos transcorre con normalidade en toda Galicia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2022 | Actualizada ás 17:43

Comparte esta noticia

A campaña de vacinación pediátrica masiva contra a gripe aos menores de cinco anos, que se estendeu este fin de semana aos hospitais de todas as áreas sanitarias galegas tras o "éxito" da experiencia piloto a semana anterior na área de Santiago-O Barbanza, transcorre con normalidade en toda Galicia.

Así, durante este sábado os menores galegos de entre seis meses e cinco anos acudiron, acompañados polos seus proxenitores ou titores, a vacinarse nos 14 hospitais públicos galegos habilitados durante este fin de semana para ese fin.

Así, segundo fontes da Consellería de Sanidade consultadas por Europa Press, a xornada transcorre con normalidade e as familias acoden ao lugar ao que foron citados, para este sábado ou para o domingo, a través dun SMS.

Durante este domingo, o dispositivo permanecerá activo nos hospitais de Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense e Pontevedra. O horario de vacinación será de 10.00 a 14.30 horas e de 14.30 a 20.00 horas, excepto no caso de Ourense, que na xornada do domingo só vacinará en horario de mañá.

"INCREMENTO DA INCIDENCIA"

Este dispositivo activouse despois de que desde no mes de outubro rexistrouse "un repunte" e un "incremento da incidencia", tanto nas consultas de pediatría de Atención Primaria como nas urxencias pediátricas.

A pesar disto, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmaba este venres que as patoloxías que se rexistran son "menos graves". "Afortunadamente son patoloxías que non son graves e que non requiren ingreso pero, en todo caso, cando teñen que ingresar, todas as unidades de hospitalización pediátrica están dispoñibles", remarcou o titular de Sanidade.

Por iso, neste contexto, animaba a "seguir avanzando" na vacinación da gripe nos nenos e nenas de entre 6 meses e cinco anos.

O obxectivo, destacaba o conselleiro, é "previr que o neno contaxie ás persoas máis vulnerables da súa contorna". Por iso, engadiu, "interesa adiantar a cantos máis nenos posible", xa que "o pico da onda da gripe este ano" esperan que "se adiante". "Canto antes vacinemos aos nenos, ese efecto de corte será máis efectivo", subliñou.

Da experiencia da proba piloto da pasada semana, García Comesaña aseguraba que concluíron que, "concentrando" a vacinación en 24 horas, "case se triplicou" o número de vacinas dispensadas, en comparación co que se rexistrou "durante un tempo" nos centros de saúde.

Neste senso, defendía a "accesibilidade" dese modelo que, segundo indicou, "foi ben vista polos pais e nais", posto que "había certa comodidade co acceso e a atención". "Á vista de que esa solución fomentaba esa accesibilidade, decidimos estendela a todas as áreas sanitarias", relataba o titular de Sanidade.

Vacina da gripe
Vacina da gripe | Fonte: O Alvi-Flickr

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta