Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 26/11/2022 | Actualizada ás 17:47
Os bombeiros deron por extinguido o incendio da nave de Pontesa este sábado, 20 días despois da declaración do lume que se cobrou a vida de Benito González Dopazo, traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSOE de Marín que resultara con queimaduras de terceiro grao.
O Concello de Pontevedra informou do fin deste dispositivo de emerxencia no que agradece a colaboración da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) por colaborar con dous camións cisterna e persoal propio desde o pasado 6 de novembro.
Ademais, o goberno local deu instrucións ao Grupo Nogar para que manteña unha liña de auga por prevención e máis vixilancia sobre as montañas de gran que almacena nestas instalacións situadas en Ponte Sampaio, sobre as que non constaban licenza municipal.
O incendio foi declarado o domingo 6 de novembro e a súa magnitude obrigou a activar o Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga), coa mobilización de bombeiros chegados desde diferentes partes da Comunidade.
O lume provocou tres feridos, aínda que a peor parte levouna o traballador do Grupo Nogar e edil socialista en Marín. González Dopazo, de 59 anos, que sufriu queimaduras no 85 por cento do seu corpo e faleceu na madrugada do mércores, 9 de novembro, na unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
Ata este sábado, cando se deu o lume por apagado, continuaban os traballos de arrefriado da zona, dado que a fermentación de toneladas de gran almacenado aínda provocaba pequenos conatos.
A raíz do suceso en Pontesa, o Concello de Pontevedra decretou o rexistro das instalacións do Grupo Nogar no seu complexo de Campañó. Ao comprobar as condicións de seguridade e o almacenamento de 96.000 toneladas de cereal (máis do dobre que en Ponte Sampaio), o goberno local decretou o cesamento da actividade.
Con todo, esta decisión foi paralizada por un recurso da propia empresa. Ademais, o Grupo Nogar valora levar o asunto aos tribunais porque, segundo defende, as súas instalacións do cumpren cos parámetros de seguridade esixidos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.