Un vídeo en redes sociais expón os proxectos dos candidatos do PPdeG ás Alcaldías das sete cidades galegas

Os populares afirman que traballan para ter designados antes de final de ano aos 313 candidatos dos 313 concellos galegos

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2022 | Actualizada ás 18:12

Comparte esta noticia

A seis meses das eleccións municipais, que se celebrarán o 28 de maio de 2023, os candidatos do PPdeG ás Alcaldías do sete cidades galegas expuxeron en redes sociais un vídeo de presentación coas claves do seu proxecto.

Deste xeito, a candidata popular á Alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, asegurou que é o momento de "un cambio de ciclo" na cidade olívica e de demostrar á cidadanía que "hai outras formas de facer política sen confrontación e sen estridencias".

Ademais, mostra a súa aposta por un Vigo "líder, innovador e emprendedor" que, na súa opinión, "debe xogar un papel protagonista en España e en Europa".

Nesta mesma liña, o coruñés Miguel Lorenzo sinalou que aspira a "recuperar a ilusión e o peso da cidade" para "devolverlle o liderado, blindar os servizos públicos e facelos máis eficientes". Así, destacou que pretende "recuperar o orgullo de cidade" e converter "de novo" A Coruña en "un referente en calidade de vida".

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, indicou no seu vídeo que el non vén facer " política", senón a "facer xestión" para "recuperar o perdido e avanzar no futuro de Ourense". O ourensán definiu o seu regreso á política como "o primeiro paso" para "liderar a segunda gran transformación de Ourense", cidade que xa gobernou entre 1997 e 2007.

En Lugo, Elena Candia asegurou que a cidadanía lle traslada que "Lugo quere un cambio". Por este motivo, aspira a que a capital lucense sexa "un espazo de oportunidades" no que as persoas "estean no centro de todas as políticas locais", con especial atención aos nenos, a mocidade e os maiores.

Tamén o candidato á Alcaldía de Santiago de Compostela, Borja Verea, sinalou que busca unha cidade "que avance, que estea en marcha e que sexa líder e protagonista para resolver os desafíos do seu propio futuro". Así, afirmou no seu vídeo que ve "fundamental recuperar a vangarda con proxectos que poñan a cidade en movemento e deixar o pasado atrás".

Para o candidato do PPdeG á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, o cambio en Pontevedra "é posible" cun proxecto no que se aposte polo "emprego, a mobilidade, o deporte e as potencialidades da contorna natural do río Lérez".

Por último, o ferrolán José Manuel Rey Varela aspira a "vencer a resignación" e que en 2023 "non gañe ningún partido" porque, engadiu, "os que teñen que gañar son Ferrol e os ferroláns".

FRONTE A PSOE E BNG

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou o proxecto dos populares fronte a un PSOE "atrapado e secuestrado polo presidente Sánchez" e un BNG "instalado no independentismo máis radical".

"Somos maioría os que cremos que o proxecto que necesitan os galegos é o proxecto do PP e esperamos que Galicia se tinga de azul o 28 de maio", defendeu a popular.

Sobre os sete candidatos nas principais cidades galegas, Prado puxo en valor os meses de "intenso traballo" que, asegurou, acumulan todos eles co obxectivo de "mostrar aos veciños ese proxecto solvente e innovador" que aspiran trasladar "a toda a cidadanía galega".

O PPdeG sinalou nunha nota de prensa que traballan para ter designados antes de final de ano aos 313 candidatos dos 313 concellos para as eleccións municipais do próximo ano co obxectivo de ofrecerlle a todos os galegos o proxecto "serio, solvente e centrado" que, afirman, "necesitan".

Os candidatos do PPdeG ás Alcaldías do sete cidades galegas
Os candidatos do PPdeG ás Alcaldías do sete cidades galegas | Fonte: Álvaro Ballesteros

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta