Unha das tres únicas patroas maiores galegas: "Non nos votan e, cando o fan, temos que demostrar que estamos igual de capacitadas que os homes"

Tres lexislaturas consecutivas en Lourizán avalan a María del Carmen Vázquez Nores como unha referente feminina dun sector sobre o que aínda pesan moitos estigmas

Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 02/12/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

María del Carmen Vázquez Nores é unha das tres patroas maiores que a día de hoxe hai en Galicia, dun total de 62 cofrarías. A representación feminina á fronte destas institucións non é minoritaria, é o seguinte, e que mulleres como ela nos conten a súa experiencia pode animar a moitas outras a seguir os seus pasos.

María del Carmen Vázquez Nores, patroa maior de Lourizán
María del Carmen Vázquez Nores, patroa maior de Lourizán | Fonte: Cedida

Para María del Carmen, patroa maior de Lourizán, os comezos non foron doados. O seu non foi amor a primeira vista polo mar nin unha paixón polo marisqueo, como soe contarse, senón que todo partiu dunha obriga: "A miña nai, que era mariscadora, obrigoume a apuntarme con ela a un curso para obter permisos de explotación a pe, así que con desgusto empecei na profesión, e ata agora cheguei".

Nos comezos, non lle gustaba nada saír ao mar a buscar produto, pois "enterraba todo o marisco ao cavar co sacho, non atopaba nada e poñíame moi nerviosa cando a xente dicía que había que marchar porque subía a marea e eu non tiña aínda nada", lembra. Ademais, á hora de ir vender a cousa non ía mellor, pois "chegabas por aquel entón aos puntos de venda e as compradoras facíanche un roubo cando pesaban o marisco, quítabanche algo, e tiñas que estar pendente dos prezos con elas". 

Ademais, os beneficios que obtiña co mariqueo non lle chegaban a nada, polo que tiña que traballar noutras cousas para poder chegar a final de mes. Non poucas veces pensou en deixar a profesión, entre que non lle gustaba e non lle aportaba rendemento, mais "miña nai sempre me insistía: 'non sabes o que che pode facer falla o día de mañá'", así que "combinando o marisqueo con outros traballos externos fun tirando para adiante". 

Aos dous anos de entrar a traballar no marisqueo, súa nai faleceu e "tiven que buscar outra forma de adaptarme, pois co sacho non atopaba nada". Co rastrillo foi un pouco mellor, máis vía que tampouco era o dela, así que cando unha compañeira da súa nai lle ofreceu coller unha gancha, non o dubidou.

"Daquela era ao revés que agora, todo o mundo ía cavar, e moi pouca xente ía á gancha, porque era unha arte que non estaba contemplada, algo experimental, pois era un aparello de traballar a frote, un pouco máis pequeno e coa vara máis curta, pero máis pensado para a pesca de a frote, non aprobada aínda para o marisqueo", precisa Mari Carmen.

Pero a ela xa lle chamaba a atención. "Recordo estar moitas veces esperando con miña nai ao bordo da autovía a que baixase a marea para poder entrar a traballar e desesperarme porque non parecía que fose baixar nunca, entón vía a aquelas catro mulleres alí no medio da auga coa gancha e dicíalle a miña nai: 'Eu vou coller unha gancha', e ela dicíame que estaba tola, porque era un esforzo aínda máis grande que cavar".

E é que, tal e como explica, "cavando tes que dobrarte, pero coa gancha machacas os brazos e as pernas, e estás cunha altura da auga que pode superar a cintura, mais eu como traballara xa no monte desbrozando decidinme a probar". "O primeiro día se alguen me dese un pellizco non sería capaz de defenderme, porque non podía nin moverme, doíame todo o corpo, pero despois funme adaptando e ao final rematou por gustarme máis o traballo, e cos anos xa é algo que non pensas en deixar".

PATROA MAIOR POR CONVENCEMENTO

E tanto se implicou nel que rematou por converterse en patroa maior da cofradía. Sempre tivo inquietudes por aprender: "a todos os cursos que sacaba a Consellería eu apuntábame, fose do que fose". Cando houbo eleccións, nun primeiro momento non se presentou, e saiu no cargo unha representación que ao parecer, segundo precisa, non velaba demasiado polos intereses da compañía, así que decidiu entrar para poder reivindicar as condicións precisas dende dentro.

Mais dende dentro quere dicir que pensaba optar por un cabildo ou por un posto na xunta xeral, mais nunca se imaxinou postular para patroa maior, "pero remataron por convencerme e aquí estou, xa pola terceira lexislatura". 

AO COMEZO "OS ARMADORES CANDO TIÑAN UN PROBLEMA NON VIÑAN A MIN"

Despois de coñecer a traxectoria de Mari Carmen, pode xurdirnos unha pregunta: por que non hai máis que tres mulleres á fronte de cofradías como patroas maiores na actualidade? "Aínda que o noso colectivo, do marisqueo a pe, é maioritariamente feminino, ao final o que che vota é o sector enteiro, tamén os pescadores, e teñen que ter confianza en ti", afirma.

E no seu caso recoñece que houbo pescadores que non sempre a tiveron. Ao comezo, "os armadores cada vez que tiñan un problema non viñan a min, ían ao secretario, porque non entendían que eu puidese entender de embarcacións, e eu ía a todas as reunións habidas e por haber ca miña libretiña para apuntar palabras e despois preguntar". 

Outra problemática coa que se topou foi, como soe acontecer a moitas mulleres, coa imposibilidade de conciliar. "Cando me nomearon non puiden asistir á toma de posesión na Federación Provincial no primeiro ano como patroa maior porque acababa de dar a luz e estaba moi débil", recorda, e para poder compaxinar o asistir ás reunións con coidar do neno tivo que tirar "de amigas, da súa madriña...".

Logo chegou un momento no que mesmo o levaba ás reunións con ela, "e tiña a sorte de que era un rapaz moi tranquilo, que non molestaba e nin te enterabas de que estaba". "Ao meu fillo a día de hoxe coñéceno prácticamente todos os membros da cofradía", asegura, e recórdano "coa súa maleta cargada coas Nintendos e a súa libreta para pintar".

Mari Carmen defende que "as mulleres somos moi capaces de realizar esta función e de levar o liderato dunha cofradía, e xa houbo máis patroas maiores", pero recoñece que "enfrontarse a todo isto sen apoio detrás é moi duro". Por iso, asegura que "o carácter é moi importante, ter coraxe e ser valente". 

E é que, lamentablemente, apunta que "as mulleres non temos máis representación porque non nos votan, nin mulleres nin homes, e cando confían en nós, moitas veces temos que dar a demostrar máis para que vexan que estamos igual de capacitadas que os homes", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta