Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 03/12/2022 | Actualizada ás 14:00
Cando se fala de paleontoloxía en Galicia, o primeiro que se pensa é que na nosa Comunidade non houbo dinosauros. Isto é un erro, pois si os houbo, o problema é que as características do noso terreo (granito, maioritariamente), non permitiron que os seus restos se preservasen como si ocorreu noutros territorios.
Para profundar nestas e noutras moitas cuestións, a pasada semana tivo lugar en Galicia o I Simposio de Paleontoloxía do Noroeste Peninsular, onde se reuniron máis de 30 paleontólogos e paleontólogas que expuxeron os seus temas de estudo (dende taxonomía a estudos paleoecolóxicos).
As institucións de orixen eran tanto a Universidade da Coruña (UDC) como a de Vigo (UVigo), e tamén outras nacionais (Universidade Complutense de Madrid, Instituto Geológico y Minero de España IGME-CSIC, Universidad de Alicante, Euskal Herriko Univertsitatea) e internacionais (Goethe University Frankfurt am Main, University of Bucharest, GEOBITEC Nova School of Science and Technology).
VEXETACIÓN MOI BEN PRESERVADA
As Pontes e Meirama son os dous únicos xacementos onde se atoparon algunhas mostras do noso pasado... Ou non? Pois a verdade é que cando se fala de concas oligo-miocenas en Galicia sempre se pensa nesas dúas porque son as máis importantes, explotadas activamente pola minaría (a cal destruíu moitos restos e impediu a súa correcta preservación), mais na nosa Comunidade atopamos ao redor dunha vintena máis. Iso si, de moito menor tamaño e que foron pobremente estudadas pola súa pouca rendibilidade económica.
Os primeiros estudos sobre polen (paleopalinolóxicos) feitos nestas concas foron iniciados na década dos 60 polo investigador francés Jacques Médus, e permitiron ter un primeiro esbozo das floras da Galicia extinta. En concreto, destacábanse especies arbóreas e arbustivas típicas de zonas tropicais ou temperadas, como fieitos, pinaceas, carias, liquidámbar, zumaque, e outras polo estilo.
Ademais, centrándose nos resultados, Médus identificou que as concas das Pontes, Cantarallana, Laracha, Meirama, Boimorto e Tui/Budiño teríanse formado durante o Mioceno tardío. Estudos desta temática non se retomaron ata que, nos anos 2008-2011, dende o Instituto Geológico y Minero de España (IGME) realizáronse prospeccións en distintos lugares da península, incluindo a Comunidade galega.
E entre o grupo que estudou as concas terciarias atopábase o doutor Eduardo Barrón (do IGME-CSIC de Madrid), quen se encargou de recoller sedimento de distintos estratos para poder analizar a presenza de grans de pole. Xunto co seu doctorando nese momento, o doutor Manuel Casas-Gallego (da Goethe Universität Frankfurt an Main), fixeron un estudo paleopalinolóxico moi completo da conca das Pontes (que ten entre 30 e 22,5 millóns de anos, rexistrando un total de 7,5 millóns de anos).
Así, observaron que a vexetación desta conca era moi sorprendente e estaba ben preservada, coa presenza dunha comunidade vexetal moi singular non indentificada en ningún outro sitio actualmente. De feito, a palinoflora das Pontes é unha referencia no Oligoceno de Europa, debido á súa extremada diversidade: máis de 300 taxóns foron identificados, rexistrando algúns deles como primeiras presenzas na Península Ibérica.
Os últimos resultados apuntan a que nesa época a rexión das Pontes estaría dominada por un bosque perenne, con abundantes taxóns termófilos (de temperaturas altas), cunha zona lacustre que sufriría importantes oscilacións nos niveis de auga. Este feito tería importantes impactos na ecoloxía da rexión, evidenciando patróns de reemprazo e a aparición de especies nas comunidades vexetais.
Por outro lado, as vexetacións das áreas montañosas preto da conca estiveron fortemente impactadas polos cambios climáticos (glaciales) do Oligoceno. Os materiais que se recuperaron doutras concas aínda están por estudar, sendo os seus resultados moi prometedores.
EVITAR QUE AS MOSTRAS SE DESEQUEN
Pola súa banda, os doutores Alejandro Blanco e Rafael Carballeira profundaron durante a súa participación no simposio no tema dos macrorestos, tanto vexetais como animais, recuperados nestas concas. O doutor Carballeira céntrouse na mala preservación dalgunhas mostras vexetais (troncos) recollidas no 2021 na mina de Laracha, xa que ao cabo duns días o material estaba pulverizado.
As análises revelaron que era consecuencia da desecación do material, onde os sal que ata ese momento estaba disolto, cristalizaba, aumentaba o seu volume e destruía o fósil por dentro. Para iso, diseñouse un protocolo de desalación previa á consolidación do fósil, permitindo preservar estes restos do pasado galego.
Isto sería primordial para que o pobre patrimonio mioceno-oligoceno sexa preservado en condicións, e poida ser estudado nun futuro próximo. Ademais, o doutor Blanco destacou a relevancia do material de vertebrados recuperados de Endesa, en especial dando as grazas a todos aqueles traballadores que realizaron ditas labores de forma voluntaria.
Non obstante, a preparación e conservación dos mesmos tampouco foi a máis adecuada. Así as cousas, a día de hoxe, o proxecto que está enriba da mesa por parte do Grupo de Investigación en Cambio Ambiental (GRICA) da Universidade de Coruña (UDC) dende a liña da paleontoloxía de vertebrados ten como principal obxectivo o estudo de ditos material, así como de pequenos restos que se foron obtivendo dos primeiros procesos de lavado dos sedimentos das Pontes.
Ademais, tamén se quere ampliar campo e chegar a mostrear outras concas como a de Laracha ou Xanceda, buscando posibles novas zonas de interese paleontolóxico dentro da Comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.