Por Galicia Confidencial | Valdoviño | 14/11/2014 | Actualizada ás 11:00
Xa aconteceu nunha ocasión, e foi denunciado. E volve a acontecer unha segunda a pesares de tratarse dun espazo protexido. E é que operarios de Tragsa iniciaron este xoves os traballos para abrir unha canle no areal da Frouxeira, en Valdoviño, para aliviar o exceso de auga dun humidal protexido con media ducia de figuras ambientais pola súa importancia natural.
Esta decisión adóptase para que non desborde e esa auga asolague o paseo marítimo. De feito, a obra foi autorizada e impulsada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de acordo, di, ao protocolo que se recolle no plan de conservación do humidal, que ultima a súa tramitación administrativa.
Hai unha semana que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, desprazou ao areal da Frouxeira a maquinaria necesaria para acometer a obra da que se ocupa Tragsa. De feito, desde Adega, a Asociación de Defensa Ecolóxica de Galiza xa criticaron esta intervención do Goberno galego. Consideran que a obra implica unha "nova e irracional alteración da lagoa da Frouxeira" e prevén que desemboque no "baleirado mecánico do humidal", que os ambientalistas definen como "un dos máis raros e fráxiles" do litoral europeo.
“A apertura dunha canle de desaugadoiro entre a lagoa costeira e o mar ten por obxectivo evitar que se repitan as inundacións dos últimos invernos, especialmente entre decembro de 2011 e xaneiro de 2012, coa auga alagando o paseo marítimo da Frouxeira e a única pista asfaltada para acceder a unha vintena de vivendas”, apunta a consellería.
Sen embargo, os ambientalistas critican que hai outros xeitos para evitar este tipo de situacións, como son actuar meses antes con medios manuais e non mecánicos. Sen embargo, a Xunta preferiu agardar ao comezo dos temporais para volver meter maquinaria pesada.
De feito, o Plan de Conservación da Frouxeira foi aprobado logo da apertura dunha canle artificial sobre a area autorizado pola Xunta a finais do 2009 e polo que practicamente se desecou o humidal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.