Declarada "prioritaria" a formación en nove sectores económicos para reducir o seu "déficit" de empregados, entre eles a automoción e o naval

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/12/2022 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este mércores a declaración como "prioritaria" da formación laboral en nove sectores económicos galegos, co obxectivo de paliar o "déficit" que presentan á hora de atopar traballadores formados na súa especialidade.

En concreto, trátase da automoción, o naval, o metalmecánico, as enerxías renovables, o TIC, a construción, o comercio, o hidróxeno e a minaría. A estes hai que sumar todos aqueles proxectos industriais que a Administración autonómica declarase como "estratéxicos".

Así o anunciou Rueda tras a reunión semanal do Consello da Xunta, que aprobou esta declaración para así tratar de adecuar a demanda e a oferta do mercado laboral. Na elaboración desta estratexia participarán os propios sectores para "detectar as súas necesidades e programar esa formación", tal e como destacou o presidente.

Esta decisión adoptouse despois do balance positivo obtido da formación que este 2022 impulsou a Xunta a través de convenios de colaboración con clústeres e entidades galegas, que permitiu impartir 812 accións formativas con máis de 12.400 alumnos.

AMPLIACIÓN CONVOCATORIA 'XEMPRE EMPRENDEMENTO'

Así mesmo, a reunión do Consello deste mércores autorizou unha ampliación de crédito de máis de 8,2 millóns de euros para a liña de axudas ao emprendemento 'Xempre Emprendemento'. Suporá case cuadriplicar o seu orzamento inicial (2,8 millóns) para chegar ata os 11 millóns en total.

Rueda xustificou a ampliación do orzamento destas subvencións no "enorme éxito" e as "numerosas solicitudes" recibidas dende que se puxo en marcha en setembro. As axudas buscan apoiar os gastos realizados por autónomos, pemes e sociedades cooperativas e laborais que iniciasen a súa actividade do 1 de xaneiro de 2020 en diante e permanezan en activo.

As contías van desde os 3.000 ata os 30.000 euros e cubrirán investimentos realizados por estas entidades entre o 1 de xaneiro de 2022 e ata a data da solicitude.

OUTRAS CONVOCATORIAS

Ademais, o Consello da Xunta aprobou as bases doutra convocatoria de axudas por 1,4 millóns de euros para entidades de iniciativa social que poñan en marcha programas de apoio a mulleres en situación de vulnerabilidade: vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual, inmigrantes, emigrantes retornadas, refuxiadas, pertencentes a unha minoría e reclusas, entre outras.

En paralelo, o Executivo autonómico autorizou este mércores dous programas de axudas destinadas a organizacións de economía social. Por unha banda, 230.000 euros para a consolidación de asociacións de cooperativas e de sociedades laborais; e, por outro, 100.000 euros para centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral. Ambas as liñas cubrirán ata o 90 por cento dos seus gastos de funcionamento.

PROGRAMA 'IGNICIA'

Por outra banda, o Goberno galego lanzará unha nova convocatoria do programa 'Ignicia', que en 2023 destinará un total de 3,96 millóns de euros a apoiar proxectos de investigación desenvolvidos nos centros de coñecemento de Galicia e completar a súa transferencia ao mercado.

As candidaturas que se presenten deben superar as etapas de investigación en laboratorio e ter un orzamento mínimo de 100.000 euros. O obxectivo debe ser a comercialización dos resultados, ben pola vía de licenza ou ben a través dunha empresa tecnolóxica (as coñecidas como 'spin-off').

O obxectivo desta nova convocatoria, que se publicará en xaneiro de 2023 e que volverá contar coa colaboración da Fundación Barrié, é apoiar uns oito proxectos.

Exoesqueleto de brazo desenvolvido no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, en Vigo
Exoesqueleto de brazo desenvolvido no Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, en Vigo | Fonte: CTAG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta