Por gcdeportes | Compostela | 20/11/2014 | Actualizada ás 09:21
Esixir respecto para os ciclistas. Nas estradas, pero tamén no monte. A Asociación de Ciclistas Galegos organiza unha marcha este domingo en Compostela para tentar poñer fin ás traxedias que sofren os ciclistas. A cita, nos xardíns do Campus Sur da USC. O obxectivo, “loitar para cambiarmos entre todos a situación de ameaza constante” para os usuarios das dúas rodas.
Deportistas galegos como Iván Raña, Álex Marque, Pedro Nimo, Uxío Abuín ou Ezequiel Mosquera xa amosaron o seu apoio á marcha, así como Alejandro Valverde, Perico Delgado ou Pepe Domingo Castaño.
"Á constante violencia que sufrimos a diario nas estradas se suma agora unha nova lacra: as trampas nos nosos montes. Por iso cremos que non podemos agardar máis. O 28 de febreiro deste ano un camión arrollaba en Cambre a Iván, do CC Riazor. A falta de respecto, e de paciencia, do chófer truncou a vida do noso amigo para sempre. O 7 de setembro, no Monte Alba, unha pedra “colocada con malicia” (segundo o informe policial) cruzouse tamén no camiño de Diego, do +Enduro MTB. Ningún deles poderá volver subir á súa bici”.
Non son os únicos, pero si dous accidentes graves, e as dúas bandeiras presidirán a marcha do domingo, que rematará na praza do Obradoiro cun acto no que se lerá un comunicado e no que se presentará unha campaña de seguridade viaria. Antes, un percorrido de sete quilómetros polas rúas da capital. “Precisamos da participación de todos, non pode faltar ninguén, porque a causa ben o vale”, asegura Juan Torrado, presidente de Asciga, que fai un chamamento “a todos os clubes, entes federativos e sociedades deportivas implicadas para acudir de xeito masivo ao evento”.
Esta acción coincide coa campaña a nivel estatal #enmetroymediocabeunavida, en referencia á distancia de seguridade que os conductores deben gardar cos ciclistas nas estradas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.