Rueda tras a nova lei galega do litoral: "Espero que non haxa conflito de competencias co Goberno central"

Proclama que Galicia "ten todo o dereito do mundo" a xestionar a súa costa e sinala que o Estado aínda non contestou "por escrito"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/12/2022 | Actualizada ás 12:41

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, espera que non haxa conflito de competencias co Goberno central pola nova lei galega de ordenación do litoral, en cuxa tramitación avanza o Executivo galego ante a negativa para transferirlle a competencia sobre as costas.

"Espero que non", respondeu Alfonso Rueda ao ser preguntado polos xornalistas durante unha visita á residencia de Campolongo, en Pontevedra, pola posibilidade de que exista un novo choque de competencias co Estado. "Isto non vai contra ninguén, isto vai a favor de Galicia", xustificou o presidente, convencido que "desde Galicia é como mellor se pode xestionar algo tan importante".

O titular da Xunta lembrou que, cando foi recibido na Moncloa polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, deixoulle o informe do Consello Consultivo de Galicia e da asesoría xurídica autonómica, no que se recollía que esta reivindicación "encaixaba perfectamente no ordenamento". Ademais, Rueda ofreceu "toda a colaboración" e asegurou que "todo isto se vai a facer respectando, como non podía ser doutra maneira, a normativa estatal".

"Cremos que, do mesmo xeito que están a facer outras comunidades autónomas, a xestión do litoral pódese facer mellor desde aquí", reiterou o titular do Goberno galego, "porque estamos moito máis preto do territorio, entendemos mellor o que pasa, estamos máis en contacto con toda a problemática", engadiu.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitan a residencia pública de maiores de Campolongo, en Pontevedra
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitan a residencia pública de maiores de Campolongo, en Pontevedra | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta