Gómez-Reino cre que Podemos parou "un atentado" no Congreso no marco da reforma do Poder Xudicial e da sedición

Afirma que cabe marxe de axuste na reforma legal en canto á situación das protestas de movementos sociais.

Por E.P. | Madrid | 16/12/2022 | Actualizada ás 14:09

Comparte esta noticia

O deputado do grupo confederal de Galicia en Común-Unidas Podemos pola Coruña, Antón Gómez-Reino, atribuíu á acción do seu grupo político que na xornada deste xoves "se detivese" o que sería "un atentado no marco democrático" do noso país, en referencia á suspensión da deliberación por parte do Tribunal Constitucional (TC) do recurso presentado polo PP á reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial que se incluíu na modificación do delito de sedición.

Antón Gómez-Reino Varela
Antón Gómez-Reino Varela | Fonte: Eduardo Parra - Europa Press.

Ademais, e a preguntas dos medios sobre a proposta aprobada e as dúbidas que grupos como o BNG expoñen sobre a penalización á mobilización social, o deputado galego considerou, en concreto sobre os cambios no delito de sedición, que cabe marxe de axuste en canto á situación das protestas de movementos sociais, aínda que polo momento superou o primeiro paso na Cámara Baixa.

Para Gómez-Reino, este xoves viviuse "o momento máis complexo no noso ciclo democrático dos últimos 40 anos", que "afortunadamente, polo de agora, saldouse con que o TC e varios dos seus membros con mandato caducado non avanzou no que sería crebar as regras do xogo", sostivo, sobre a deliberación (suspendida ata o luns) do recurso presentado polo PP ante o tribunal garante da Constitución sobre a reforma do Consello Xeral do Poder Xudicial que afecta ao propio TC e que desbloquearía a renovación de cargos caducados actualmente.

En días pasados, o presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume Asens, reclamou que o presidente do Tribunal Constitucional (TC), Pedro González-Trevijano, e o maxistrado Antonio Narváez, quedasen apartados da deliberación do recurso do PP onde se pide paralizar a tramitación parlamentaria da reforma do Poder Xudicial, que se incluíu vía emenda na modificación do Código Penal.

Gómez-Reino sinalou que "por mor dun movemento do grupo confederal", en referencia a esa recusación exposta, detívose " o que podía ser un atentado no marco democrático do noso país". Así, atribuíu a este xesto o feito de que o TC pospuxese ao mediodía deste xoves a deliberación deste asunto ata o vindeiro luns.

En canto á reforma do delito de sedición, referiuse a que o propio presidente do seu grupo xa fixo un chamamento no sentido dese axuste para que non se penalicen os movementos sociais. "Seguro que é mellorable e seguro que se vai traballar nese sentido", manifestou Gómez-Reino, quen engadiu que é importante "avanzar" na resolución dos conflitos políticos e por iso "tamén debería ser unha magnífica noticia para as dereitas".

Ademais, preguntado polo compromiso de derrogar a coñecida como 'Lei mordaza', o deputado galego sinalou que lle "consta" que o relator, Enrique Santiago, --co que comparte moitas horas no Congreso, apostilou-- está "a traballar" nesta norma e "segue sendo un elemento principal".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta