Cifras oficiais de habitantes en 2021: Galicia segue por baixo de 2,7 millóns, con pouco peso estranxeiro

O Goberno aprobou este martes en Consello de Ministros o Real Decreto polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021, segundo as cales hai 47.435.597 habitantes en España.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/12/2022 | Actualizada ás 18:36

Comparte esta noticia

O Goberno aprobou este martes en Consello de Ministros o Real Decreto polo que se declaran oficiais as cifras de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal referidas ao 1 de xaneiro de 2021, segundo as cales hai 47.435.597 habitantes, segundo a Estatística do Padrón Continuo, publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE) o pasado 21 de abril. No caso de Galicia, que volveu perder poboación, pechou 2021 con 2.689.152 habitantes.

No conxunto, o número de habitantes en España creceu en 2021 nun total de 50.490 (un 0,1 %) persoas con respecto a 2020 polo que se recupera gran parte do descenso rexistrado en 2020, primeiro ano de pandemia, cando perdeu 65.688 empadroados.

Do total de cidadáns empradronados, 41.923.039 teñen nacionalidade española (o 88,4 %) e 5.512.558 estranxeira (o 11,6 %), a cifra máis alta desde 2013. Isto supón que, durante o ano 2021 o número neto de españois reduciuse en 21.920 persoas (un -0,1 %), mentres que o de estranxeiros aumentou en 72.410 (un 1,3 %). No caso dos pertencentes á Unión Europea (UE) crecen en 13.400 (un 0,8 %) e os non comunitarios, en 59.010 persoas (un 1,5 %).

Por sexo, o 49 % do total de cidadáns empadroados en España son homes e o 51% mulleres, sendo elas maioría tamén entre a poboación española (51,1 %), mentres que entre os estranxeiros hai máis homes (50,1 %).

En canto á idade, a porcentaxe de poboación máis numerosa (35 %) ten entre 16 e 44 anos, seguidos dos que contan con entre 45 e 64, que supoñen o 30,1 % da poboación empadroada en España. Ademais, unha de cada cinco persoas empadroadas de 2022 tiña 65 ou máis anos, polo que é a primeira vez que este grupo de idade alcanza o 20 % da poboación inscrita no padrón.

As diferenzas máis acusadas na porcentaxe de idade entre españois e estranxeiros danse no grupo de 16 a 44 anos: así, o 32,6 % dos españois atópase neste grupo de idade, fronte ao 52,9 % dos estranxeiros.

A IDADE MEDIA SOBE CATRO ANOS ESTE SÉCULO, ATA 44,1

En todo caso, a idade media da poboación empadroada en España continua subindo. A 1 de xaneiro de 2022 situouse en 44,1 anos (tres décimas máis que o ano anterior) e no que vai de século aumentou en máis de catro anos. Concretamente, en 2022 a idade media dos españois é de 45 e a dos estranxeiros de 37,1. Ademais, o INE especifica que, dentro deste grupo, a idade media dos cidadáns de países pertencentes á Unión Europea sitúase en 39,6 anos.

As idades medias máis altas entre as nacionalidades predominantes danse nos cidadáns de Reino Unido (54,1 anos), Alemaña (50) e Francia (43). Pola contra, as máis baixas corresponden aos cidadáns de Honduras (30,4 anos), Paquistán (31,1) e Marrocos (32).

CRECE A POBOACIÓN EN 9 AUTONOMÍAS E CAE EN 8

A poboación en España creceu en nove comunidades autónomas en 2021 e reduciuse en oito (Galicia está neste último grupo). Os maiores aumentos en termos absolutos producíronse na Comunidade Valenciana (32.701 persoas máis), Andalucía (21.748 máis) e Cataluña (19.940 máis). Pola súa banda, os principais descensos, producíronse en Castela e León (13.075 persoas menos), Principado de Asturias (7.293 menos), Comunidade de Madrid (6.795 menos) e País Vasco (6.792 menos).

Por outra banda, en relación á poboación estranxeira, o INE sinala que a proporción destes cidadáns sobre o total da poboación inscrita en España sitúase no 11,6 % e que Baleares (18,8 %), Cataluña (16,2 %) e Comunidade Valenciana (15,3 %) son as que lideran entre as rexións con maior número de estranxeiros no seu padrón. No lado contrario están Estremadura (3,3 %), Galicia (4,4 %) e Principado de Asturias (4,5 %), coas porcentaxes máis baixas de presenza destes cidadáns.

Un ancián no rural galego
Un ancián no rural galego | Fonte: Carlos Castro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

E seguirá baixando, polo envellecemento da poboación. A cousa non ten arranxo.