O alcalde de Ferrol: "Non vou permitir que Augas de Galicia asuma a xestión do saneamento"

A súa homóloga en Narón aplaude a decisión do ente autonómico e asegura que se trata de "unha boa noticia".

Por Europa Press / Redacción | Ferrol | 20/12/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato (PSOE), asegurou este martes que non vai "permitir que a Xunta lle entregue o sistema de saneamento a unha empresa privada para que acabe saíndo máis caro aos ferroláns porque así o queira Augas de Galicia". Así o explicou tras ter coñecemento de que Augas de Galicia, dependente da Xunta, asegurou que vai "asumir" a xestión do saneamento na zona norte da ría de Ferrol, que afecta os concellos da cidade departamental e Narón, ante as discrepancias dos gobernos de ambos os municipios.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, pousa na sala de recepcións durante unha entrevista con Europa Press, a 27 de abril de 2022, en Ferrol
O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, pousa na sala de recepcións durante unha entrevista con Europa Press, a 27 de abril de 2022, en Ferrol | Fonte: Raúl Lomba - Europa Press.

Segundo Mato, "todo o mundo sabe que Augas de Galicia non opera depuradoras" e que "o que fai é abrir licitacións para entregarllas a empresas completamente privadas".

O rexedor socialista lembrou que o saneamento "é unha competencia municipal e o Concello de Ferrol ten o medio propio para prestar esa competencia", en alusión á empresa mixta de augas de Ferrol (Emafesa), na que a Administración local posúe unha participación do 51%.

Segundo Mato, a auditoría que realizou Augas de Galicia sobre o sistema de depuración "deixou moi claras dúas cousas, que a día de hoxe Emafesa realiza o traballo de depuración e que o fai a un prezo correcto".

Ante iso, o alcalde trasladou que "o goberno local de Ferrol vai defender que a depuración se preste a través da empresa na que o Concello ten a participación maioritaria. "De adoptar unha decisión semellante, de querer quitarlle a competencia a Ferrol, Augas de Galicia tería que aterse ás consecuencias, que non serían poucas", advertiu Matogueira.

En relación á intención de recuperar a xestión, alegando unha falta de acordo entre Ferrol e Narón, asegurou que "cando hai unha falta de pagamento, reclámase, como fixo o Concello de Ferrol, e trátase, simplemente, de que cada un pague o que lle corresponde". O alcalde afirmou que, "tal como determinou o propio organismo Augas de Galicia na súa auditoría, Narón non está a pagar o que lle corresponde, que sería cando menos o 40%".

RESPOSTA DESDE NARÓN

Desde o Concello de Narón, a súa alcaldesa, Marián Ferreiro (TEGA), asegurou que o anuncio de Augas de Galicia "supón unha boa noticia" e algo que xa se demandara desde o concello.

Ferreiro apuntou que ela era coñecedora, "porque así o comunicaron desde Augas de Galicia", de que se estaba realizando unha auditoria para "ao fin sacar a licitación a xestión desta infraestrutura".

Así, segundo a rexedora naronesa, que lembrou que o seu concello nunca se negou a "pagar", o custo reclamado por Ferrol non é o correcto. "A licitación que vai realizar a Xunta entendo que é beneficioso para os dous concellos, porque estimamos que así se abaratarán custos, ao concorrer ao concurso varias empresas, co cal entendemos que sempre será mais económico", resolveu.

AUGAS DE GALICIA

A través dun comunicado, Augas de Galicia lembrou que o saneamento o realiza Emafesa, "por un convenio que está en vigor ata finais de 2023", polo que "ambos os municipios teñen máis dun ano por diante para chegar a un acordo sobre a fórmula de xestión do sistema.

Se este acordo non se materializa, "a alternativa final sería que Augas de Galicia realizase as actuacións necesarias para asumir a súa responsabilidade. De acordo co establecido na Lei de Augas para as infraestruturas declaradas de Interese Xeral, a Xunta deberá asumir a responsabilidade". Para ter información directa sobre o funcionamento do sistema, Augas de Galicia "está actualmente realizando unha auditoría", que "sería de utilidade no caso de ser necesario licitar un contrato de explotación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta