Existiu realmente a Estrela de Belén?

As hipóteses baraxan que se tratase dun cometa, dunha conxunción entre Venus e Xúpiter ou dunha estrela fugaz, máis o astrónomo José Ángel Docobo afirma que "aínda non hai nada certo".

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 24/12/2022 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

A Estrela de Belén. Esa que segundo conta a historia guiou aos Reis Magos cara o portal onde naceu o neno Xesús. Así se relata na tradición relixiosa, máis, sexas ou non crente, hoxe por hoxe esa estrela é todo un símbolo do Nadal que adorna as copas dos pinos e abetos instalados nas casas dos galegos, baixo os que se porán os agasallos na mañá do 25 de decembro e na do 6 de xaneiro. 

Sirio, a estrela máis brillante no ceo nocturno
Sirio, a estrela máis brillante no ceo nocturno | Fonte: Free Pick

Mais, sabes de onde provén esa estrela? Existiu realmente ou foi unha invención? Era unha estrela como tal ou tratábase doutro corpo celeste? Aínda pode verse no noso ceo nocturno ou só estaba no pasado e xa non existe? Para respostar a todas estas cuestións contamos coa axuda de José Ángel Docobo, director do observatorio astronómico Ramón María Aller e investigador da Universidade de Santiago (USC).

"Sobre a Estrela de Nadal hai moitas teorías, pero ningunha conclusión fixa", afirma Docobo, que explícanos tres hipóteses diferentes: "fálase de que puido ser un cometa, pero buscando cometas cara atrás non se detecta nesa data, fai dous mil anos, ningún relevante que cruzase o ceo; tamén dunha conxunción moi pechada como a que vai a ocurrir no próximo mes de marzo entre Venus e Xúpiter, o que fai que se vexa como un cometa moi moi brillante; ou que simplemente fose un bólido (unha estrela fugaz) que pasara rápidamente nesa dirección na que 'os Reis' o foron seguindo". 

Esta última hipótese adoita descartarse porque sempre se pensa que a estrela que viron Melchor, Gaspar e Baltasar estaba estática no firmamento, mais o astrónomo da USC afirma que "non tivo por que estar aí continuamente, puido ser unha cousa fugaz, que pasase e lles indicase o camiño a seguir". Fose cal fose a explicación, "polo momento non hai nada certo", conclúe.

O CEO QUE VEMOS HOXE É O MESMO QUE O DE HAI 2.000 ANOS

O ceo que vemos hoxe en día, por incríble que pareza, é o mesmo que o que existía hai dous mil anos, cando supostamente naceu Xesús. "As estrelas teñen movementos propios e van cambiando, unhas vólvense cara as outras e en periodos moi longos de tempo as constelacións que coñecemos vanse desfacendo e fórmanse outras; pero dous mil astronómicamente falando é un intervalo de tempo moi curto, así que non houbo prácticamente cambios dende entón", argumenta Docobo.

E que astros vemos neste mes de decembro que puidesen confundir aos Reis coa estrela que seguiron? Tal e como explica o astrónomo, "todos os anos por esta mesma época vemos a primeiras horas da noite, sobre as once e algo e a simple vista, a Sirio, que é a estrela máis brillante no ceo destas datas". Sirio é unha estrela pertencente ao cinturón de Orión, cara a que precisamente apuntan os 'tres reis'.

Tamén está presente con moita forza Aldebarán, unha estrela de cor laranxa que forma parte da constelación de Tauro, sendo a décimoterceira máis brillante do ceo nocturno, cunha luminosidade 90 veces maior que a do Sol. Aínda que sen dúbida a constelación por excelencia do inverno é Orión, tamén coñecida polo nome de 'o Cazador', sempre acompañado polos seus cans: o Can Maior (onde está incluida Sirio) e o Can Menor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta