A Xunta acusa á Fegamp de "romper o diálogo" para unha mellora do sistema de financiamento

"É verdade que os concellos asumen competencias que non son súas, pero tamén o fai a Xunta con competencias que son dos concellos", remarcou o vicepresidente e responsable da área de Presidencia, Diego Calvo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2022 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, avanzou que o próximo 27 de decembro será presentado de forma oficial o informe encargado á Universidade de Santiago para delimitar a quen corresponde a prestación de servizos como o mantemento de centros escolares e sanitarios, o servizo de axuda no fogar ou as emerxencias; e que servirá de base para axustar os criterios de financiamento local.

Así o anunciou en resposta a unha interpelación presentada pola deputada socialista Begoña Rodríguez Rumbo durante a sesión ordinaria do pleno do Parlamento de Galicia, onde o número tres do Executivo galego acusou ao presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, de romper " o diálogo" coa Xunta para mellorar o sistema de financiamento xurdido por mor dun convenio subscrito polas partes en 2020.

E é que, para Calvo, a Fegamp saíuse das canles marcadas coa presentación a mediados do mes de novembro dun informe elaborado pola federación que engloba aos 313 concellos e o catro deputacións galegas no que asegura que asumen un déficit de 634 millóns de euros pola prestación de competencias que ou son compartidas coa Xunta ou corresponden exclusivamente á Administración autonómica.

"É verdade que os concellos asumen competencias que non son súas, pero tamén o fai a Xunta con competencias que son dos concellos", remarcou o vicepresidente e responsable da área de Presidencia, que acusou ao presidente da Fegamp de querer "facer política" con esta cuestión ao presentar "sen comunicarllo a ninguén" un informe que, di, aínda non foi remitido de forma oficial á Xunta.

"Quen rompeu o diálogo é o presidente da Fegamp", espetou Calvo, que convidou ao Grupo Socialista a asistir á presentación do informe encargado á USC e cuxas conclusións preliminares foron avanzadas polo propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, tras o Consello do 1 de decembro.

Este estudo atribúe ás entidades locais as competencias sobre prestacións sociais básicas, como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), as escolas infantís de 0 a 3 anos que sexan de titularidade municipais ou a conservación, o mantemento e a vixilancia dos centros educativos onde se imparten en exclusiva Educación Infantil, Primaria e Especial.

PSDEG REPLICA QUE XUNTA "ROMPE CONSENSO"

Pola súa banda, a deputada socialista replicou a Calvo que a Xunta foi quen "rompe o diálogo e o consenso" coa entidade que representa ao municipalismo galego para resolver o "problema de infrafinanciación" que padecen.

"O financiamiento dos concellos non foi nin vai ser unha prioridade para o Goberno galego", engadiu Rodríguez Rumbo, que acusou á Xunta de querer perpetuar o seu modelo de transferencias finalistas que tachou de repartición "a dedo".

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. XUNTA
O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta