Chévere, Premio "Nacional?", lembra a persecución á Sala Nasa

O Ministerio de Cultura outorgou o máximo galardón do teatro estatal ao Grupo Chévere. A Xunta saca peito polas subvencións concedidas ao grupo. Chévere recorda que tivo que abandonar a súa base polas ameazas e denuncias do PP de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 27/11/2014 | Actualizada ás 12:35

Comparte esta noticia

O Ministerio de Cultura, Educación e Deporte do Goberno de España otorgou onte á compañía teatral compostelana Chévere o Premio Nacional de Teatro 2014.  Trátase dun grupo cunha amplísima traxectoria, marcada dende os 90 por unha aposta polo teatro galego propio, expresado na lingua do país, abordando temas da comunidade e con proxección fóra das nosas fronteiras.

Ensaio de Chévere para a Ultranoite
Ensaio de Chévere para a Ultranoite | Fonte: redenasa.tv

O último proxecto de Chévere é ‘As fillas bravas’, pero nos vindeiros días a compañía volverá a representar 'Eurozone' en Compostela e Vigo. Foi unha ambiciosa produción con 8 intérpretes en escena, que chegou ás 50 representacións, con case 7.000 espectadores e que fixo tempada en Madrid durante un mes no Teatro Valle Inclán do Centro Dramático Nacional.

'Viaxe ao país dos ananos’ ,‘1.001 Ultranoites’ e o mítico 'Río Bravo', co que debutaron en 1991, son outros dos seus espectáculos máis lembrados.

A Xunta aproveitou a noticia para sacar peito sobre o seu suposto apoio ao teatro. A Consellería de Cultura argumenta sitúa "este recoñecemento no marco da calidade creativa do teatro galego dos últimos anos, á que desde a Consellería se contribúe a través das subvencións anuais á actividade escénica".

De paso, o departamento de Jesús Vázquez destaca que adicou 600.000 euros ao teatro en 2014 e repasa as subvencións que acadou Chévere nestas lexislaturas: "Viaxe ao país dos ananos’ (50.000 euros en 2013), á filmación do documental audiovisual ‘1.001 Ultranoites’ (19.671 euros tamén en 2013) ou á escenificación de ‘Eurozone’ (52.925,60 euros en 2012)".

Grupo Chévere representando Eurozone
Grupo Chévere representando Eurozone | Fonte: Centro Dramático Nacional

No seu comunicado Chévere ofrece unha visión diferente, máis crítica, da súa aceptación dun premio que cualifican de "Nacional?". En opinión da compañía, o galardón é unha distinción "ao teatro que resiste en Galicia mentres o poder político desmantela o sistema cultural galego coa coartada da austeridade". 

A compañía, tras dedicarlle a distinción ao público e aos que os teñen axudado, destaca que "Chévere non é complaciente co poder, e non o será desta volta aínda que acepte o premio" pois "nos últimos anos o noso traballo no escenario quixo ser unha prolongación dese berro xurdido nas prazas galegas arredor de Nunca Máis e en moitas outras prazas españolas en 2011 arredor do 15M".

Chévere lembra que o Concello de Santiago, cando o PP tomou o poder, axudou ao desmantelamento da Sala Nasa, tradicional base de operacións da compañía. Pola contra, gaba ao Concello de Teo, gobernado por Martiño Noriega de ANOVA, por acollelos. Así lembran que "unha parte importante deste premio correspóndelle ao Concello de Teo, que nos acolleu con todo o cariño e apostou por nós e polo teatro como ferramenta de cohesión social, cando outros nos amenazaban, denunciaban e expulsaban da súa cidade". 

Cando estaba na oposición, o PP de Santiago cargou en repetidas ocasións contra a Sala Nasa por acoller actos sobre os presos independentistas, vinculándoa co terrorismo e criticando as axudas que lle concedía o goberno bipartito local. Co cambio de goberno, a compañía apostou por mudarse ao veciño Concello de Teo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

1 queBien

Assim que Espanha nao teria Premio Nacional se Teo nao tiver nacionalistas no governo do concelho. Que bien

1 Titeres do poder

Tamén poderías dicer que o teatro galego non se axeonllaría diante do neofascismo no poder, recollendo un premio do nacionalismo supremacista español representado e outorgado polo Partido Podre, se os titiriteiros de Chévere tivesen a mesma, que non máis, dignidade que outros premiados que o rexeitaron. A prioridade de Chévere é a pasta, que chévere!

2 xos

A min paréceme ben que o recollan. Entre outras cousas porque o xurado que lles deu o premio penso que debe pertencer ao mundo do teatro, e que quixeron recoñecer o gran traballo de Chevere. Para min está claro que non é o PP quen llo concede. Iso si, deberían aproveitar a recollida para reivindicar a cultura, o galego, etc.

3 Antonio Tonecho

Cómpre ser ben monicreque para poñer en dúbida a dignidade de Chévere. E seguro que coa pasta que merecidamente recibirán, que probabelmente terán abondo onde metala (e o discurso de aceptación do premio) foderán bastante máis a Wert e á Consellería que coa súa renuncia.