O alcalde de Ames envía unha carta a Naturgy pola súa "preocupación" ante os cortes de luz na localidade

Blas García cualificou a situación de "insustentable" e, tal e como recolleu na carta enviada a Naturgy, sente "a obrigación de defender os dereitos dos veciños".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/01/2023 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

O alcalde de Ames, Blas García, enviou este luns unha carta dirixida á empresa do sector eléctrico e gasístico Naturgy para trasladarlle a súa "preocupación" polos cortes de luz que "desde hai varias semanas" acontecen en diferentes puntos do municipio.

Na carta, o rexedor local comezou cuestionando á compañía as incidencias producidas "desde hai varias semanas" que provocaron que veciños das parroquias de Agrón, Oca e Lens sufran cortes de electricidade de "forma continuada".

"As incidencias déronse no día de Noitevella e moitas persoas quedaron sen luz durante horas, co contratempo que isto xerou nunha data tan sinalada", engadiu García. O alcalde de Ames tachou a situación de "insustentable" e, tal e como recolleu na carta enviada a Naturgy, sente "a obrigación de defender os dereitos dos veciños.

"Como alcalde, é para min unha obrigación velar e defender os intereses dos meus veciños e, o seu, como empresa que ademais xestiona un servizo básico e esencial, debería de ser o de coidar e respectar os dereitos dos seus clientes e usuarios, e atender ás súas necesidades e demandas dentro duns prazos lóxicos e normais", sinalou.

Así mesmo, García instou a Naturgy a facilitar información sobre o sucedido, así como a realizar melloras na liña. "Tendo en conta as consecuencias e prexuízos que se están ocasionando aos veciños, solicitamos que se nos informe dos motivos das incidencias referidas, así como se teñen previsto levar a cabo algún tipo de reforzo nas liñas ou melloras que permitan dar un servizo óptimo ás persoas usuarias", sentenciou.

Iluminación dunha rúa situada en Ames (A Coruña).. CONCELLO DE AMES
Iluminación dunha rúa situada en Ames (A Coruña).. CONCELLO DE AMES | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta