Recollida de firmas contra o "intrusismo laboral" da OPE de estabilización nas escolas infantís da Xunta, que pide o Mestrado en Educación Primaria

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/01/2023 | Actualizada ás 19:06

Comparte esta noticia

Traballadoras da Axencia Galega de Servizos Sociais, dependente da Xunta, promoven unha recollida de firmas contra o "intrusismo laboral" que promove a oferta pública de emprego (OPE) de estabilización nas escolas infantís de titularidade autonómica.

De acordo co documento no que expresan as súas reivindicacións, denuncian que a Administración autonómica pretende que, para traballar nestas gardarías, non só se pida a titulación de técnico superior en Educación Infantil e o grao de Mestre de Educación infantil, senón tamén o de Mestre en Educación primaria.

Neste senso, este colectivo lembra que tanto a lei galega de función pública do 2015 como o decreto de 2005 que especifica as titulacións requiridas para empregados de escolas infantís "en ningún momento" recoñece a titulación en Educación primaria

Os traballadores da Axencia Galega de Servizos Sociais tachan de "barbaridade" e "intrusismo laboral" esta decisión que achacan a un informe da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación. "Cremos que isto o único que fai é denigrar o noso traballo e por suposto os nosos estudos", lamentan os promotores da recollida de firmas, que as entregarán ante a Dirección Xeral de Función Pública.

En paralelo, reclaman tamén unha "rectificación" das bases da OPE de estabilización en canto ao cómputo do tempo traballado, xa que as ordes publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) os días 26 e 27 de decembro establecen que "os servizos efectivos prestados en xornadas inferiores á completa valoraranse proporcionalmente".

Así, argumentan que o propio Estatuto dos Traballadores di que os empregados a tempo parcial terán "os mesmos dereitos" que os que presten servizo a xornada completa. Por iso, rexeitan que se lles "volva a penalizar" na OPE desta maneira, igual que ocorre noutros procesos como os de mobilidade.

Escolas Infantís
Escolas Infantís | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta