O BNG pedirá no Parlamento que se rescinda a concesión a Ambulancias Civera, cuxos traballadores están sen cobrar decembro

Os traballadores xa se concentraron o mércores no Hospital Montecelo.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 05/01/2023 | Actualizada ás 18:37

Comparte esta noticia

A portavoz de Sanidade do BNG, Montserrat Prado, anunciou este xoves a presentación no Parlamento dunha serie de iniciativas encamiñadas á rescisión do contrato con Ambulancias Civera, empresa concesionaria das ambulancias na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, cuxos traballadores se concentraron este mércores no Hospital Montecelo para denunciar falta de pagamentos nas nóminas de decembro.

"Este é un novo episodio nunha longa serie de denuncias por deficiencias e incumprimentos que os traballadores levan tempo denunciando", sinala Prado, que afirma que estas faltas teñen "graves conscuencias, tanto no laboral como na atención que recibe a poboación que necesita este servizo".

Consideran os nacionalistas que o Sergas e o xerente da área "non poden seguir mirando para outro lado fronte a deficiencias como a falta de material básico, vehículos que non pasan a inspección sanitaria e a ITV, que non estean operativas todas as ambulancias contempladas no concurso ou a deterioración constante de condicións laborais".

"É preciso que a xerencia se responsabilice e garanta as condicións laborais. Non pode ver pasar os meses sen que se solucione a situación sen tomar medidas", insiste Prado.

É por este motivo, argumenta a portavoz de Sanidade, que o BNG presentará iniciativas mediante as que solicitará que se rescinda o contrato con Ambulancias Civera e se saque a concurso un novo "con condicións, orzamento e número de profesionais precisos para atender as necesidades das 300.000 persoas que conforman a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés".

O anuncio do BNG chega tras a concentración, este mércores, de traballadores da citada empresa no Hospital Montecelo para denunciar falta de pagamentos nas nóminas de decembro.

Alí foron recibidos polo xerente da área sanitaria, José Flores, que, segundo explicou a Consellería de Sanidade, comprometeuse a comunicar "tanto por escrito como verbalmente" á xerencia de Ambulancias Civera a obrigación de abonar as nóminas ("tal e como recolle o prego de condicións do contrato coa Administración Sanitaria Pública").

Destacaban tamén que o comité de empresa comprometeuse tamén a recuperar "con garantías" o transporte sanitario e o servizo aos pacientes.

PSDEG CENSURA A ACTITUDE DO SERGAS

O PSdeG tamén se pronunciou respecto diso e asegurou que o Sergas "só actúa cando ten os problemas na porta". O portavoz socialista de sanidade no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, mostrou o seu apoio aos traballadores de ambulancias da área de Pontevedra e insistiu na necesidade de que "se reverta ao sistema público este servizo para aumentar a calidade e acabar coa indefensión laboral dos traballadores".

Na mesma liña que os nacionalistas, Torrado sinalou que este problema "non é algo novo", xa que este tipo de situacións coas concesionarias "veñen sucedéndose desde hai moito tempo".

Ambulancias Civera
Ambulancias Civera | Fonte: Ambulancias Civera

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta