Desxuridificar o problema catalán

Poñer querelas penais contra Mas ou desxuridificar o asunto catalán, that is the question!.

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 02/12/2014

Comparte esta noticia
Nunha novela de R.L. Stevenson ambientada nas guerras escocesas do s. XVIII, o “Lord Advocate” dí ó protagonista: “Este é un caso político, si, señor Balfour,... E un caso político... débese tratar dun xeito moi distinto dun caso meramente criminal... Neste caso atendo primeiro ó meu deber político, e só despois ó meu deber xudicial ". E en “Catriona”, o Fiscal Xeral di ao xacobita Stewart: “Se vos tiverades gañado nesta rebelión, poderiades estar a ditar a lei onde agora recibides a súa sentenza”.
 
Pisemos terra nestes espiñentos temas. Últimamente viña pensando eu que a crise e máis a corrupción xubilaran ó positivismo xurídico, porque, a verdade, as normas legais, sen excluir a Constitución, non nos veñen protexendo gran cousa. E estando nisto, resulta que co gallo do quasi-referendo catalán, choven tantos e tan interminábeis argumentos legalistas que nos fan esquecer a realidade: que ninguén viu nunca un ordenamento legal resolver separacións ou integracións, senón ao contrario: despois de tomar a gran decisión política, virá un ordenamento xurídico-público federal, unitario ou o que proceda. 
 
Estes conflitos non se dan amañado con leis, nen con constitucións. Nin a máis liberal das constitucións ten que prever a secesión, e non me escandalizaría se a prohibise. Pero polo mesmo, nin o máis respectuoso dos secesionistas está obrigado moral nin xurídicamente (non digo “legalmente”) a obedecela, igual que —noutro terreo— a obxección de conciencia contra unha lei non precisa un permiso desa lei. Aínda máis: máis coherente sería negar a obxección de conciencia que admitila pero segundo a lei, pois, por definición, a obxección “de conciencia”, non é “de lei”; nin mesmo “de constitución”. E o mesmo o dereito á autodeterminación: ou existe (entendo que si), ou non, pero como necesariamente irá contra a norma vixente, non pode lóxicamente depender dela. Cando o negado é a premisa maior —“X forma parte de Y”—, como nos vai obrigar lexítimamente a constitución de Y, que é unha premisa menor? Qué lexitimidade —non “legalidade”— e forza xurídico-natural de obrigar terá unha lei ditada ó abeiro da constitución que se cuestiona, se esta, por respectable que sexa, non é senón a magna carta do estado que se cuestiona? É de sentido común: a lei poderá xerar obrigas inferiores a ela, pero non a superior obriga de obedecer a lei, que será xerada pola constitución. Pero, tras subir un chanzo, o mesmo acaerá coa constitución, polo que novamente repetirase a cuestión, ata  chegar a lexitimidade e o dereito natural (agás que fagamos un acto de fe na hipotética norma fundante kelseniana)
 
O constitucionalismo naceu para someter o poder (e ata certo punto a propia política) ao dereito; non para substituír a política polo dereito, a decisión política pola decisión xurisdicional. Xudicializar todo é antidemocrático e ruín para a xudicatura, que carga coas “patacas quentes” políticas. Diante dun problema político, o Tribunal Constitucional non debe ser correa de transmisión do executivo; xa no pasado debeuse abster de xuzgar o Estatuto de Cataluña. O executivo gosta alardear que estamos nun Estado de Dereito, con todos iguais diante da lei. A xurisdición está para dicir o dereito no caso, se a vaca ou a leira  son de Aulo Agerio ou Numerio Negidio, e aí os xuíces son insustituíbles; non está para decidir independencias ou centralismos —aparte de que nunca o fará ben—. Certo que o Tribunal Supremo canadiano formulou uns criterios para futuros referendos quebequeses de separación, pero, ainda que eran ben razoables, como tal órgano xudicial, carecía de lexitimación democrática.
 
Polo ben do dereito, deixémolo agora en paz. O único dereito alegable neste casos é o natural. De todas as secesións habidas no mundo, cantas —agás Australia, Canadá e similares— foran legais? Que lei alegaban os independentistas norteamericanos? Alegaban só o dereito natural de autodeterminación e algúns principios xerais de dereito inglés sobre trabucos, consentemento e representación. “Cando, no decurso dos acontecementos humanos un pobo disolve os vencellos políticos que tiña con outro”, etc. Sóalles? E a Declaración de Independencia, unilateral e ilegal (como tamén as hispanoamericanas, por poñer). “Declaramos que estas Colonias Unidas son estados libres e independentes”;  e declarámolo nós, a xente, “we, the people”; non o goberno de Londres nin un xuíz. (As independencias pacíficas de Australia ou Canadá non foran aplicación de lei ningunha, senón liñas políticas; ningún artigo constitucional británico dicía “o que queira marchar, marche”).
 
Cataluña ten arranxo, pero non legal. Como nos exemplos de Stevenson, o dereito fainos ver delitos (ou golpes de estado, ou altas traizóns) pero non solucións. Pero o que o dereito non dea amañado, pódeo amañar a política, como amosaron Canadá e compañía, e acaba de amosar Escocia (aínda que votando en sentido contrario).
 
Des-legalicemos, polo tanto, estes conflitos; politicémolos; levémolos á negociación política; pregunte cada bando ao contrario cal é a sua segunda, terceira ou cuarta opción; malo será non dar con algún terreo común. E xunto con des-legalizar, descompliquemos as cousas e poñámoslles unha data límite; evitemos 25 ou 50 anos máis de historia interminábel. España brillou en varios terreos pero nunca neste; afastémonos da desafortunada tradición española nestes asuntos (Portugal, América, Cuba, etc.). A xuridificación dificulta a negociación política e tende a facer dun problema político, difícil pero soluble, un choque de trens que só admite submisión ou apocalipse.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.