Orange estaría a incluir en ficheiros de morosos a exclientes aos que reclama débedas, segundo o xulgado de Pontevedra

Ordénalle que pague a publicación do fallo no diario máis lido, pois hai consumidores afectados en toda España.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 09/01/2023 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

O xulgado do mercantil número 1 de Pontevedra declarou abusivas as prácticas de Orange consistentes na inclusión de consumidores en ficheiros de solvencia patrimonial por débedas reclamadas tras a finalización da relación contractual porque os clientes se dan de baixa ou realizan a portabilidade a outro operador.

Isto, cando os consumidores se opoñen ao seu pago sen que nunca antes incorresen en ningunha falta de pagamento do debido á compañía nin fosen incluídos nos ficheiros de solvencia patrimonial por carecer de solvencia ou por presentar risco de morosidade no cumprimento das súas obrigacións monetarias.

Desta forma, o maxistrado estimou parcialmente a demanda interposta polo Ministerio Fiscal fronte a Orange Espagne e condenouna a cesar de inmediato nas prácticas abusivas descritas, así como a absterse de reiteralas no futuro.

Ademais, ordenou que pague a publicación do fallo da sentenza no diario máis lido segundo o estudo xeral de medios, pois hai consumidores afectados en toda España.

No caso de que reitere as prácticas abusivas prohibidas, segundo establece o titular do Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra na resolución, imporánselle multas coercitivas de 60.000 euros por cada reiteración.

Na sentenza, que non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, subliña que a empresa inclúe a exclientes en ficheiros de solvencia patrimonial "polo mero feito de negarse ao pago dunha cantidade facturada, independentemente do motivo da oposición ao pago".

Así, destaca que Orange veu mantendo "como práctica habitual con antigos clientes que xa se deron de baixa nos seus servizos, mesmo aos que prestaba eses servizos de maneira defectuosa, a de incluír os seus datos en ficheiros de solvencia patrimonial por falta de pagamento de débedas reclamadas unha vez finalizada a súa relación contractual con eles, a pesar de que eses clientes nunca faltaran ao pago doutras débedas con anterioridade".

Ademais, engade que, na maioría dos casos, trátase de débedas de escasa contía.

"Cando a débeda non foi xudicialmente reclamada, unido ao feito de que a persoa afectada nunca incorrera en falta de pagamentos nin fora incluída por outros acredores en ficheiros de morosos con anterioridade, non existe motivo real para dubidar acerca da súa solvencia patrimonial, nin tampouco para poder considerala como alguén que arroxa risco de incorrer en morosidade no cumprimento das súas obrigacións monetarias en xeral", recalca o maxistrado.

"VENDETTA OU PRESIÓN"

Ao tempo, conclúe que a inclusión das persoas que se atopan nestas circunstancias neses ficheiros "só pode ter o obxectivo real de prexudicar a súa reputación, a modo de vendetta, por oporse ao pago dunha débeda que Orange considera lexítima, ou ben o de servir de medio de presión para que se preguen ás esixencias da empresa e procedan a pagar a débeda cuxa procedencia inicialmente discutían".

Tenda de telefonía de Orange
Tenda de telefonía de Orange | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta