Roldas da Rebeldía Municipal

Nestes tempos, turbulentos e esperanzadores ao mesmo tempo, multiplícanse as chamadas desde distintos recantos da constelación do nacionalismo e a esquerda rupturista para reagrupar esforzos e facer confluír enerxías nunha única candidatura cidadá de unidade popular. En cambio opino que non serven as “antigas frontes populares abstractas” senón novos espazos de politización e experimentación social dos que poidan nacer novas subxetividades políticas. A esquerda rupturista, a que é anticapitalista e a que non, atópase fronte ao fracaso herdado polos erros das últimas décadas.

Por Óscar Lomba | Vigo | 03/12/2014

Comparte esta noticia
O que está sucedendo é unha convulsión enorme, posta en evidencia polo voto da cidadanía farta dos partidos deste réxime putrefacto. A xente do común demostrou que desexa superar este sistema tan inxusto, porén as sacudidas da besta capitalista, desa hidra ou monstro Leviathan de mil cabezas, vai seguir xerando moito sufrimento ás clases populares, como leva acontecendo ao longo de todo o século XX.
 
A perda de peso electoral do BNG revela hoxe só algún dato da crise máis fonda que vive o conxunto do nacionalismo galego. É a esquerda galega, como tal, a que chega no último «redde rationem» ou último esforzo. O desencontro entre BNG, ANOVA e Esquerda Unida é o indicador de que algo falla na nosa capacidade para auto-organizarnos e converternos na máquina propulsora do pobo galego. Os errados intentos do nacionalismo galego de reagrupar esforzos demostran que as mesturas e reinicios aínda non conseguiron superar os seus defectos, as súas desconfianzas, as súas loitas, rifas, disputas e guerras civís interminábeis.
Vénme á mente o exemplo dos fracaso da esquerda italiana que foi clamoroso. Toda a liña de “compatibilidades” levadas adiante desde 1976 até hoxe produciu un revés detrás do outro do que pagaron o prezo as posicións máis radicais. A desfeita política levou á desconexión de calquera base social. O enraizamento en lugares significativos de pertenza de clase converteuse nunha lembranza, nun pensamento nostálxico. Esta división afectou á esquerda chamada radical, Rifondazione, que mesmo chegou a perturbar tamén ao propio Partido Democrático da Esquerda (PDS) e ao seu sindicato.
 
Ante esta situación, recomezar require unha mestura de humilde e ambición. Una “lenta impaciencia”. De feito, fai falta comezar desde os cimentos, desde os propios alicerces e reconstruír o proceso de alfabetización política, construír identidades fundadas sobre a etimoloxía da transformación. Definiría este axuste como unha reformulación, unha superación do vello, rancio e inservíbel, pero unha recuperación, ao mesmo tempo, das mellores tradicións e experiencias do movemento obreiro cando se pretendía a construción de “institucións” propias e autónomas. Opino que estamos chamados a afrontar unha dura fase de reconstrución da esquerda e o nacionalismo.
 
A posta en marcha de experiencias como o 15 M nas distintas cidades e vilas de Galicia indica, aínda que parcialmente, esta vontade de superación de vellos dogmatismos e sectarismos. A reapropiación de espazos non só para superar a crise ou reafirmar a primacía das relacións sociais sobre a privatización, senón tamén para reformular o tema da axuda mutua, da autoxestión, dunha perspectiva política e económica “fóra do mercado”, capaz de contraporse ao capitalismo moderno. Son tentativas que salientan novas subxetividades á altura dos tempos futuros. A aparición de PODEMOS e as novas subxetividades non se dan en termos nostálxicos e de consolación, ou simplemente confirmando as certezas do pasado, senón só operando coa realidade actual e inseríndose no tempo presente. A esquerda que virá poderá xurdir ou agromar só dunha lenta e significativa acumulación de experiencias como estas ou semellantes.
 
Nestes días acrecentáronse os manifestos como Marea Atlántica, Marea de Vigo, Ourense en Común, Somos Maioría, Gañemos Vigo,... e ao mesmo tempo multiplicáronse as proclamas, as chamadas, as reunións, as tomas de posicións que se propoñen explicitamente o obxectivo de reagrupar á esquerda social e política que continúa moi fragmentada. Respectando o esforzo de discusión proposto por algúns destes documentos, caso de Marea Atlántica ou Somos Maioría, non terminan de convencerme e dígoo porque os percorridos de “reconstrución” dun suxeito político sobre abstractas alianzas entre xentes diversas, militantes de forzas políticas variadas e outras persoas procedentes de diversos movementos sociais non van máis aló dunha imposíbel reprodución do fenómeno PODEMOS.
 
Aínda teño presente o espírito inicial do Novo Proxecto Común (NPC) e o nacemento prematuro de ANOVA tras aquela convulsa Asemblea Nacional Constituinte. Daquela o nacemento acelerado de AGE que aspiraba a ser a Syriza galega. É probábel que se producise un efecto distorsionador pola prematura, pero forzada pola convocatoria electoral, posta en práctica do que acabou por ser AGE aos poucos días de nacer Anova. O éxito de AGE converteuse nun problema para Anova. Ora ben, as dinámicas internas subseguintes non  poden explicarse só nesa clave, senón na incapacidade colectiva para desactivar os focos de tensión/confrontación que se retroalimentaron reciprocamente, no canto de verter as nosas enerxías na posta en práctica da filosofía e a metodoloxía xenuína fundacional de Anova, e pórmos a organización a traballar como ferramenta no seo da sociedade civil. Porén sospeito que as diferentes sensibilidades da esquerda e o nacionalismo galego seguen tendendo a fragmentarse e sospeito que a acción política futura vai continuar 'tribalizándose' e converténdose nun mosaico de seitas, e deste xeito a esquerda e o nacionalismo galego no canto de traballar para os cidadáns esmagados dedicaranse a malgastar esforzos en guerras orgánicas interminábeis.
 
Estou convencido de que o esquema tradicional segundo o cal antes é a reconstrución dun nodo político-ideolóxico e despois este ciméntase coas loitas populares non nos fai dar grandes pasos cara a adiante. O que nos interesa en cambio é abrir novos espazos ás formas de politización, hoxe necesariamente híbridas, ás veces ambiguas ou en percorridos contraditorios (non nos ensina algo o éxito de Pablo Iglesias, Monedero, Errejón, Bescansa... e o proxecto PODEMOS?).
 
Por iso entendo que deberiamos tomar outro camiño. Interésanos campañas que procuren producir a mobilización. Queremos de todos os xeitos organizar a resistencia e a oposición ás políticas de austeridade. Nesta dirección non serve unha abstracta fronte de partidos de oposición, con frecuencia demasiado limitados ás burocracias dirixentes, senón unha práctica política ampliada, coalicións múltiples, foros sociais e temáticos. Asembleas cidadás por un novo “orzamento público”, experiencias sociais abertas, sabendo que a colaboración, a rede, a unidade de acción seguen sendo valiosos activos sempre que se crucen en contidos e programas compartidos. Hoxe sen dúbida ningunha fai falta unha mobilización común contra as políticas de austeridade e a “loita de clases desde abaixo”.
 
Un paso adiante nesa dirección podería ser unha “Nova Rolda Municipal da Rebeldía”, que abordaría o nexo entre a construción dunha gran plataforma cidadá transversal e aberta a toda a militancia de todos os partidos e organizacións rupturistas, un gran evento útil para construír unha nova maquinaria que servise para articular unha resposta unitaria de cara ás próximas eleccións municipais e ir deseñando ao mesmo tempo a gran coordinadora de organizacións sociais e políticas que podería ser elixida democraticamente nese novo foro.
Serán as experimentacións dunha nova política as que permitan o nacemento dun novo suxeito político, un suxeito que para nós deberá ser unitario e alternativo a calquera alianza que busque só poder institucional.
 
Os tempos deste renacemento do nacionalismo galego aínda hoxe non son definíbeis. Estou convencido de que agromará unha nova época de esplendor para o nacionalismo galego, onde terán que entenderse BNG, CERNA, PODEMOS, Anova, Esquerda Unida (desvinculada da estrutura orgánica estatal) e moitos outros...desde o anarquismo até a socialdemocracia honesta.
 
En todo caso fago un chamamento a toda a esquerda e ao conxunto do nacionalismo para que impulsen en todas as vilas e cidades de Galicia  foros de debate cidadáns abertos, unha morea  de ROLDAS DA REBELDIA MUNICIPAL, roldas abertas a todo o nacionalismo e ao conxunto da militancia da esquerda deste país, pero especialmente aos homes e mulleres galegas fartos deste réxime podre e inxusto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Óscar Lomba Óscar Lomba Álvarez (Vigo 1966). Coordinador de Diem25 en Galicia e candidato ás eleccións europeas por Podemos. Licenciado en Dereito-Económico pola Universidade de Vigo e Diplomado en Maxisterio pola Universidade de Santiago de Compostela. Foi colaborador de Radio Piratona. Ex-vicepresidente da Cooperativa Árbore. Ten colaborado cos seguintes medios: Coiote, Diario 16 de Galicia, A Nosa Terra, A Peneira, Kalaikia, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, A Trabe de Ouro, La Voz de Galicia, Atlántico Diario, El Foro Metropolitano, Pensamiento Crítico e Tribuna Socialista.