Miñones reproba "o oportunismo político" dos alcaldes que piden melloras na estrada do bus sinistrado en Noiteboa

O delegado do Goberno defende que é unha vía "segura".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno, José Miñones, reproba "o oportunismo fóra de lugar" dos alcaldes que reclamaron melloras para a estrada N-541, na que se produciu, ao seu paso por Cerdedo-Cotobade, o accidente de bus en Noiteboa cun balance de sete falecidos e dous sobreviventes.

Un equipo especializado da Garda Civil participa na reconstrución do accidente do autobús sinistrado no río Lérez, a 28 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade
Un equipo especializado da Garda Civil participa na reconstrución do accidente do autobús sinistrado no río Lérez, a 28 de decembro de 2022, en Cerdedo-Cotobade | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press.

"Deixemos ao carón os oportunismos políticos", afirmou tras ser preguntado pola prensa sobre o pacto impulsado por sete alcaldes --Cerdedo-Cotobade, Boborás, Beariz, Punxín, Maside, O Carballiño e O Irixo-- para pedir melloras nesta estrada.

E é que Miñones defende que a N-541 "non está dentro das estradas de Galicia con concentración de accidentes", e isto "non é unha catalogación que se faga politicamente", senón que "son técnicos". Por iso, sinala que é unha estrada "segura".

De feito, remarca que a zona da estrada na que se produciu o sinistro "estaba recentemente asfaltada e cunhas condicións boas de visibilidade".

Ademais, remarca que o Goberno cada ano dedica "máis porcentaxe á conservación de estradas". Lembra que están aprobados "desde hai catro meses" dous proxectos para a realización de melloras e asfaltado na N-541, que suman un millón de euros, con actuacións previstas para comezar a partir do mes de maio.

Sobre a investigación do accidente, asegura que "vai levar tempo", coa reconstrución do acontecido, mentres agora se traballa para "coñecer as causas". "Deixemos traballar, deixemos o tempo que necesita neste caso o grupo especializado da Garda Civil, no momento no que teñamos esa información ímola a trasladar", explica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta