Detido un home na Pobra do Caramiñal por queimar a vivenda coa súa parella con discapacidade dentro

A Garda Civil investiga os feitos como un caso de violencia de xénero.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/01/2023 | Actualizada ás 13:51

Comparte esta noticia

Un home foi arrestado como suposto responsable dun incendio intencionado rexistrado na madrugada deste xoves nunha vivenda da Pobra do Caramiñal onde se atopaba a súa parella, que ten unha discapacidade por mobilidade e que tivo que ser rescatada polos servizos de emerxencia.

Coche da Garda Civil
Coche da Garda Civil | Fonte: Europa Press.

Segundo confirmaron fontes da Garda Civil, o home foi arrestado despois de que os servizos de extinción achasen evidencias de que o lume fora provocado, polo que os feitos están a ser investigados como un caso de violencia de xénero.

A central do 112 recibiu unha chamada ao redor das 01,30 horas da madrugada deste xoves na que se alertaba dun incendio declarado no baixo dunha vivenda situada na Mirandela, ata onde se mobilizaron os profesionais dos bombeiros e axentes da Garda Civil.

Á súa chegada, divisaron un home nas inmediacións do edificio, do que tiveron que ser rescatadas dúas mulleres. Unha delas, con problemas de mobilidade nas pernas, atopábase prostrada nunha cama e necesitou axuda para saír do baixo do inmoble, onde se orixinaron as chamas.

Alí, os equipos de extinción localizaron bombonas manipuladas e material incendiario repartido por toda a estancia, o que apunta á intencionalidade do lume. Por este motivo, a Garda Civil procedeu a deter o home, parella da muller con discapacidade, con quen residía no baixo incendiado.

Trátase dun home de 68 anos que se atopa en dependencias da Garda Civil de Boiro, onde foi trasladado despois de recibir atención sanitaria por inhalación de fume no Hospital do Barbanza.¡

A muller atópase ingresada neste hospital comarcal, ao que foi evacuada tras o seu rescate. Pola súa banda, a outra muller, propietaria da vivenda, saíu ilesa do incendio.

As dilixencias do caso foron trasladadas ao xulgado de instrución número dous de Ribeira, segundo confirmaron fontes da investigación, que apuntan a que o detido podería pasar a disposición xudicial este venres.

EXPEDIENTE EN SERVIZOS SOCIAIS

A parella reside na Pobra do Caramiñal desde o ano 2018, cando se mudaron desde o limítrofe concello coruñés de Ribeira.

O alcalde da Pobra, Xosé Lois Piñeiro, sinalou que o Concello ten aberto un expediente que estaba a ser atendido polos servizos sociais municipais.

"É unha situación problemática", apuntou o rexedor, que evitou realizar máis declaracións sobre o sucedido e o desenvolvemento da investigación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta