Rueda ironiza sobre o próximo candidato a líder socialista: "Parece que a Formoso non lle apetece nada"

Pediu ao PSdeG que se "aclaren consigo mesmos canto antes", dado que "un Goberno forte quere unha oposición forte".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/01/2023 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ironizou con que é "moi difícil, de mapa e cantimplora" seguir o "culebrón" do PSdeG en relación a quen será o seu futuro candidato ás eleccións autonómicas, pero suxeriu que o que si parece é que ao actual líder socialista, Valentín González Formoso, "non lle apetece nada".

"Os que se lanzaron a falar de Formoso e (José Ramón Gómez) Besteiro, están a dicir que non hai que falar disto. En que quedamos? Lanzárono vostedes á opinión pública e agora resulta que é un tema que non interesa", manifestou, a preguntas dos medios na comparecencia posterior ao Consello da Xunta.

"O que parece é que a Formoso non lle apetece nada ser candidato. O que hai que ver é se lle apetece a Besteiro ou a alguén do PSdeG", engadiu, na mesma xornada na que o actual líder socialista evitou, de novo, desvelar o seu futuro e se será o aspirante á Alcaldía das Pontes, que agora ocupa, nas próximas eleccións municipais de maio.

En todo caso, Rueda queixouse de que, mentres están "entretidos nas súas leas internas", os socialistas galegos non cuestionan as decisións do Goberno central aínda que "prexudiquen" os intereses de Galicia.

Rueda afeou esta actitude por parte do PSdeG e instoulles a "aclararse consigo mesmos canto antes" dado que consomen "moito tempo e enerxías nas súas pelexas internas". "E un Goberno forte quere unha oposición forte", resolveu.

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta