Temas: CONCELLOS OUTES PP

O PP di que Outes acumula unhas 1.600 facturas sen pagar e o alcalde di que é por "baixas laborais" en Intervención

Os populares din que o valor das facturas é de máis de 760.000 euros.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 16/01/2023 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

O Partido Popular no Concello de Outes alertou este luns que o goberno local acumula, a día de hoxe, máis de 1.600 facturas sen pagar por un importe que supera os 760.000 euros, dato que denuncian os 'populares' que sitúa a este municipio coruñés entre os concellos con "peor período medio de pago a proovedores da comarca".

Casa Consistorial do Concello de Outes
Casa Consistorial do Concello de Outes | Fonte: Arquivo

Segundo informou o PP nun comunicado, o grupo 'popular' trasladou esta situación ao pleno municipal o pasado mes de decembro co fin de coñecer o motivo deste incremento no número de facturas que o Concello de Outes ten sen pagar. "O único que nos dixeron é que a responsabilidade é de que hai unha interventora nova e que existe un problema coa persoa responsable dos temas administrativos do Concello", cuestionou o 'popular' Francisco Calo, quen censurou a falta de autocrítica mostrada polo rexedor.

O grupo 'popular' tamén aproveitou para incidir en que, segundo os datos confirmados polo propio alcalde, das máis de 1.600 facturas pendentes de pago, máis de 1.300 corresponden ao servizo de luz do Concello. "Din que, neste apartado, o municipio xera máis de 200 facturas ao mes, isto lévanos a pensar que levamos máis de seis meses sen pagar a luz en Outes, dato que confirmaría a nefasta xestión que existe na actualidade", sentenciou Calo.

"DATOS OBSOLETOS"

Pola súa banda, o alcalde de Outes, Manuel González, asegurou a Europa Press que "hai atrasos nos pagos das facturas desde o segundo semestre de 2022 debido a unha situación puntual de baixas laborais e cambios na área de intervención do Concello de Outes".

Así mesmo, González declarou que os datos ofrecidos polo PP son "datos obsoletos" xa que se "pagou a maior parte desas facturas". "Si que é certo que se incrementou no último trimestre do ano o período medio do pago, pero a área de intervención fixo un gran esforzo desde o mes de decembro que fixo que a situación mellore e esperamos volver totalmente á normalidade o próximo mes de febreiro", sentenciou o alcalde de Outes.

Temas: CONCELLOS OUTES PP
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta