Xa dispoñible a primeira guía de boas prácticas nos carteis publicitarios de Galicia

Nela recompílanse unha serie de recomendacións e criterios homoxéneos co obxectivo de contribuír a integrar este tipo de elementos nas paisaxes urbanas e rurais onde se localizan, de maneira harmónica e co menor impacto posible.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 16/01/2023 | Actualizada ás 18:31

Comparte esta noticia

A Xunta lanzou a primeira guía de boas prácticas nos carteis publicitarios de Galicia, un manual de carácter técnico dispoñible en formato papel e tamén dixital no que se recompilan unha serie de recomendacións e criterios homoxéneos co obxectivo de contribuír a integrar este tipo de elementos nas paisaxes urbanas e rurais onde se localizan, de maneira harmónica e co menor impacto posible.

Cun enfoque eminentemente práctico e divulgativo, o documento foi presentado este luns na Escola de Arte Superior de Deseño Pablo Picasso (EASD) da Coruña pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no marco dun acto no que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique de Salvador.

Con esta son xa 13 as guías que elabora e publica o IET desde o ano 2012 no marco da Colección Paisaxe Galega, que engloba un conxunto de publicacións que teñen como fío condutor o obxectivo de axudar a divulgar os valores paisaxísticos de Galicia entre administracións públicas, colectivos profesionais e cidadanía en xeral.

A conselleira explicou que, grazas ao novo manual, cunha tirada inicial de 500 exemplares e que desde hoxe xa está dispoñible para descarga na web do IET, fíxanse directrices e solucións idóneas á hora de introducir letreiros anunciadores, paneis ou rótulos en edificios e noutros puntos do territorio para evitar que teñan un impacto negativo sobre a paisaxe e mesmo na imaxe das empresas ou establecementos anunciados.

O obxectivo, tal e como incidiu, é ofrecer unha guía técnica para orientar a promotores, propietarios e administracións sobre a instalación deste tipo de elementos publicitarios en equilibrio coa contorna, deseñando carteis respectuosos coa paisaxe, buscando unha coherencia nos materiais, formas e cores empregadas.

A conselleira de Medio Ambiente,  Ángeles Vázquez, presenta a primeira guía de boas prácticas nos carteis publicitarios de Galicia
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, presenta a primeira guía de boas prácticas nos carteis publicitarios de Galicia | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta