Coñecendo a verbena galega: O grupo Tania Veiras vive o seu mellor ano e xa prepara o 2025, que será "aínda mellor"

Aínda conta cunhas 20 datas para rematar esta tempada coa que recoñecen estar "moi contentos".

Por Amanda Fernández | Lugo | 31/08/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Remata agosto e a verbena galega vive os seus últimos compases, pero aínda queda, que ningúen se asuste. Nesta ocasión coñecemos a unha agrupación moi querida entre o público e que leva o baile por bandeira: o grupo Tania Veiras y los Cumbiapop. "A nosa proposta é facer música para todos os públicos, dependendo do que haxa, tanto para a xuventude ou matrimonios aos que lles gusta bailar", expón a cantante Tania Veiras, que recoñece que máis aló de manter a esencia, nesta tempada houbo cambios como a incorporación dun vocalista máis e melloras no son: "Como grupo comezamos da nada e imos mellorando as cousas pouco a pouco, temos en mente de cara ao ano que entra cambiar o escenario".

A imaxe desta tempada do Grupo Tania Veiras
A imaxe desta tempada do Grupo Tania Veiras | Fonte: Facebook

Atrévese a dicir que cree que foi "o mellor ano", polo grupo que formou cos seus catro compañeiros, que fan o traballo máis fácil e aportan un perfil diferente. Tania desfaise en eloxios para cada un dos 'Cumbiapop': "Con Rubén xa traballara o ano pasado e destacaría que é súper creativo e ten moita enerxía no escenario. Sempre dá o 100% xa sexa diante de catro persoas ou de 4.000 e tamén se encargou de axudarnos co repertorio e composición do grupo. Sigo con Luís, a persoa máis responsable que coñecín na miña vida e que se encargou tamén das coreografías e contido en redes sociais. Por outra banda, Jael, como digo habitualmente un cubano de pura cepa, aínda que leva aquí 14 anos, que é súper creativo a nivel músical. E para pechar, Toti que é moi traballador, xa que ademáis de cantar, tamén forma parte da montaxe do grupo. As veces non sei como consegue saír cun sorriso ao escenario despois de estar sen durmir cando hai vermú e apenas poden pasar polo hotel. Ademáis é moi cariñoso". 

"XA HAI UNHAS 20 DATAS PECHADAS PARA O ANO QUE VÉN"

Aínda lles queda bastante que cantar e facer bailar subidos ao escenario: "Quedarán unhas 20 datas porque hai que acabar agosto e en setembro hai 16 actuacións e outras dúas en outubro, ata o 15 e nada máis". Porén, xa coa maior parte das verbenas e sesións vermú finalizadas atrávese a facer balance e a cantante amósase contenta: "Foi un verán máis fácil de levar porque foi o primeiro no que os catro días libres no mes cadraron os catro xuntos. Non o agardaba xa que levo 12 anos sen pisar as praias galegas e desta vez para asegurar o bo tempo marchei en xullo a Portugal e agora en agosto a Menorca. Isto era impensable". Fai fincapé en que foi unha época estival no que o equipo que formaron foi inmellorable, cuns rapaces "cumpridores, que traballan á perfección e cos que creou unha pequena familia. Considera que este entendemento e "bo rollo" é fundamental porque pasan máis tempo no traballo que coa familia na casa.

"A verdade é que tiven sempre moita sorte cos meus compañeiros, tanto cos que están, como cos que marcharon, non me podo queixar", expresa. No que atinxe ao traballo como tal tamén apunta a un "moi bo ano" con moitas actuacións, polo que agradece tanto ás comisións como os representantes por contar co grupo. Agora Tania xa ten a mente posta case no 2025 porque busca mellorar as cousas que non foron tan ben. Defínese como unha persoa esixente e este ano, desde o inverno, estivo traballando sábado e domingo no programa da Televisión de Galicia, Xuntos. "Aprendía dez cancións diferentes para a tele cada finde e custoume arrincar co grupo e ser quen de memorizar os temas propios. Isto fixo que deixara de montar cancións para min por falta de tempo e a ter fallos a nivel artístico, vocal e de vestiario", comenta. Con todo, amósase optimista e con ganas de planificar a próxima tempada con tempo por diante. 

Falando do futuro, o grupo Tania Veiras xa conta cunhas 20 datas pechadas para o ano que vén, sobre todo as sinaladas e os fins de semana, que voan! Conta a súa voz feminina unha anécdota dunha actuación pasada en Bande: "Normalmente as comisións ou representantes dinche polo baixo que te contratan para o próximo ano, pero nesta ocasión compartiron co público que eramos o mellor que pasara por aí e que estabamos xa contratados para o 2025. En xeral, o público sempre nos quere ben, hai festas mellores e peores, pero soe responder e iso é o máis importante". 

SENTIR O CARIÑO DA XENTE 

"Sempre digo que para min o máis importante é o cariño do público, e xa anos atrás o notaba, pero este ano, a raíz de verme todo o inverno en Xuntos, noteino moitísimo máis", apunta Tania, que sempre recibe o apoio do público antes de comezar a cantar ou mesmo no descanso. Resulta destacable que son persoas que seguen ao grupo en varias festas, xa non só na verbena da súa vila: "A xente é súper cariñosa e dinme que lles gusto moito e iso é o máis importante". 

Conclúe dicindo orgullosa que como artista viven do sentir do público que baila en cada campo da festa e desfruta co que se fai no escenario: "Aínda non me acostumei a que me recoñezan, con isto da tele, e moitas veces non me dou conta. É de agradecer moito o cariño que me teñen e como valoran o noso traballo". E se o visto ata agora foi bo, preparádevos que o 2025 virán pisando máis forte e mellor!

E para coñecer mellor os gustos de Tania Veiras máis aló do escenario, pasádevos polo noso Instagram

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta