A rede galega de parques sen fume ponse en marcha con 18 concellos

Trátase dunha iniciativa para crear máis espazos públicos libres de tabaco.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2023 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia puxo en marcha a Rede galega de parques sen fume coa incorporación dos primeiros 18 concellos a esta iniciativa.

Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante un acto no concello da Estrada, "que está comprometido con esta causa". Para incentivar aos municipios que se adheriron en primeiro lugar, a Xunta facilitoulles de forma gratuíta o material de sinalización.

Con esta iniciativa, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o obxectivo do Executivo galego "é crear máis espazos públicos libres de tabaco nas localidades galegas", explicou Comesaña, que vinculou este programa co de praias sen fume, que se creou en 2016.

Segundo o conselleiro, tanto a rede galega de praias sen fume como a de parques, "teñen un fin educativo e de sensibilización social, destacando a importancia da conduta da poboación adulta, para que sirva de modelo para os máis novos". Por iso é polo que os obxectivos de parques sen fume son a promoción dunha vida sen tabaco e a desnormalización do seu consumo; así como o respecto e coidado dos espazos públicos e do medio ambiente.

Os concellos participantes nesta iniciativa adquiren unha serie de compromisos entre os que o conselleiro citou a identificación e sinalización dos parques, e a difusión entre a sociedade ou a organización de actividades encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco.

Presentación parque sen fume na Estrada
Presentación parque sen fume na Estrada | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta