Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 18:22
A viceportavoz do grupo socialista no Parlamento galego, Begoña Rodríguez Rumbo, criticou este venres o "suposto estudo" encargado pola Xunta á USC sobre a delimitación competencial e o financiamento dos concellos, e cuxas conclusións "benefician aos postulados" do goberno galego.
Rodríguez Rumbo lembrou que este estudo, que tivo un custo de 25.000 euros, "case mil euros por páxina", tiña que ser complementario doutro informe elaborado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). O acordo era comparar ambos os estudos pero, lamentou, a Xunta "non responde as invitacións" dos representantes dos concellos para reunirse.
A parlamentaria socialista apuntou que o estudo pago polo goberno autonómico é apenas un 'powerpoint' cuxas conclusións se resumen en dúas diapositivas e que favorecen a dinámica de que "a Xunta convida e os concellos pagan". Deste xeito, engadiu, as entidades municipais reciben competencias do ámbito autonómico pero non o financiamento suficiente para exercelas, como ocorre coa gratuidade das escolas infantís (asumida en parte polos concellos) ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O vindeiro martes debaterase no pleno do Parlamento a moción presentada polo PSdeG sobre diferentes demandas dos concellos, "tamén dos gobernados polo PP", tras a intervención do vicepresidente segundo Diego Calvo o pasado mes de decembro, na que "non aclarou nada sobre o rumbo da Xunta na relación cos concellos no futuro".
Finalmente, Rodríguez Rumbo confirmou que os socialistas presentarán unha interpelación a Calvo para que valore este estudo, "encargado para reafirmar as actuacións da Xunta" e explicar "se vai cambiar algo no trato aos concellos".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.