Pontón defende a intervención dos poderes públicos "encamiñada a favorecer ás maiorías sociais"

A líder do BNG citou exemplos de intervención pública "en contra dos intereses da maioría social", como do "Goberno do PP en Galicia en sanidade, con trece anos de recortes e privatizacións, debilitando o sistema público de saúde para beneficiar o negocio persoal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2023 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou este venres en Ribadeo no ciclo de conferencias organizado polo foro Fundación Sargadelos no que explicou a análise que a formación fai do actual contexto político, económico e social nunha intervención na que a líder nacionalista fixo unha defensa da intervención dos poderes públicos, sempre en clave galega e cando esa intervención "estea encamiñada a favorecer ás maiores sociais e o interese xeral".

"Os poderes públicos deben intervir na economía ou deben absterse de facelo como piden os paladines do libre mercado?" Sen ningunha dúbida, desde o BNG defendemos un si rotundo á intervención pública, pero non calquera intervención pública, porque nin todas son positivas, nin todas buscan o ben común", manifestou Pontón, para indicar que "sobran os exemplos de intervencións públicas a favor dos intereses dunha minoría, sexan un selecto grupo de privilexiados, sexa un puñado de multinacionais, sexa unha elite social", apostilou.

En todo caso, ante a disxuntiva formulada no foro de debate entre intervención pública ou liberalismo, "o Bloque está rotundamente a favor da intervención pública, pero en clave galega e a favor dos intereses de Galicia, dos galegos e das galegas", recalcou. "E esta intervención pública galega que queremos é a que defende o desenvolvemento económico, social e cultural", agregou.

Durante a súa intervención, a líder do BNG citou exemplos de intervención pública "en contra dos intereses da maioría social", como do "Goberno do PP en Galicia en sanidade, con trece anos de recortes e privatizacións, debilitando o sistema público de saúde para beneficiar o negocio persoal".

"Onte mesmo vimos como milleiros de persoas mobilizábanse aquí na Mariña en defensa dunha sanidade pública de calidade, que é defender que todos e todas debemos ter garantido o noso dereito á saúde, con independencia da cifra que figure na nosa conta bancaria", expuxo.

Outro exemplo de "intervención pública en contra do interese xeral", profundou, é a "decisión de privatizar a AP-9 e de prorrogar a concesión" 75 anos máis, unha decisión que "lle debemos ao PP", e sen a cal esta vía estaría agora libre de peaxes. Adicionalmente, referiuse a a "privatización de Endesa", sen a que o Estado disporía agora de "un importante mecanismo fronte á especulación".

INTERVENCIÓN PÚBLICA

Por iso, o BNG defende a intervención dos poderes públicos, pero "a favor da maioría do país e da xente, capaz de colocar a riqueza e os recursos de Galicia a favor de Galicia para crear riqueza e emprego de calidade". Neste sentido, defendeu que a política económica e industrial que se impulse "debe favorecer o desenvolvemento dos sectores produtivos, a reindustrialización sustentable e impulsar a creación de emprego, aproveitando as fortalezas estratéxicas do tecido produtivo".

Unha intervención pública, argumentou Pontón, que debe servir para recuperar capacidade agraria e impulsar o sector pesqueiro, para lograr un modelo de financiamento que lle permita a Galicia "ter a chave dos seus recursos; que sirva para garantir o dereito de todas as persoas a unha vida digna, a servizos públicos de calidade, na sanidade, na educación e na atención ás persoas maiores".

"Si á intervención do poder públicos galegos para combater a desigualdade e a exclusión social, cunha estratexia que atenda transversalmente todos os ámbitos relacionados coa calidade de vida: sanidade, educación, emprego, vivenda, coidados das persoas maiores, territorio e servizos?, sintetizou a portavoz do Bloque. Intervención pública, dixo, subliñando o total fracaso do neoliberalismo, que quedou especialmente en evidencia durante a pandemia", salientou, segundo recolle o BNG nunha nota de prensa.

Ademais, na súa intervención, deixou "constancia da absoluta incapacidade para dar resposta aos desafíos da pandemia" que trouxo consigo "as nefastas consecuencias de pór o libre mercado por encima do interese xeral". Ademais, referiuse a que cando se empezaba a superar a pandemia, produciuse unha escalada inflacionista que afecta máis a Galicia.

Pontón tamén tivo palabras para a crise industrial e Alcoa, a cesta da compra e o "descontrol de prezos". Así, a líder nacionalista tamén censurou a subida de tipos de interese e puxo o foco na cuestión enerxética e no "bum eólico depredador".

No relatorio, Pontón xustificou que "a día de hoxe son máis entendibles socialmente as razóns para xustificar a necesidade de que haxa unha intervención dos poderes públicos", precisamente para "garantir calidade de vida e benestar". Unha intervención "a favor de Galicia e as súas maiorías, sobre a base da soberanía, a cooperación, a solidariedade e a xustiza social".

"Somos plenamente conscientes das dificultades e dos desafíos do actual momento e sabemos que, para saír desta encrucillada, é fundamental pór por diante os intereses da maioría e de Galicia e, nesta dirección, tamén temos claro que precisamos superar a dependencia do centralismo e ter máis poder político, máis capacidade de decisión e máis autogoberno", sentenciou.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta