No Concello de Ourense andan en busca dun conductor que foi multado en Vigo, a oposición sinala a Jácome

Unha acusación difundida a través de contas anónimas nas redes sociais apuntaban que un coche que adoita usar o rexedor circulaba "a 80 quilómetros por hora nunha zona delimitada a 50 cando foi interceptado por un radar"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2023 | Actualizada ás 19:32

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, negou ser o condutor dun coche do Concello multado en Vigo o pasado mes de decembro, mentres que a oposición pide explicacións respecto diso.

Este fin de semana, os socialistas, mediante un comunicado, facíanse eco dunha acusación difundida a través de contas anónimas nas redes sociais nas que apuntaban que un coche que adoita usar o rexedor da terceira cidade de Galicia circulaba "a 80 quilómetros por hora nunha zona delimitada a 50 cando foi interceptado por un radar".

Os socialistas indicaban que o Concello recibiría unha multa de 400 euros acompañada dun requirimento para proceder á identificación do condutor e á retirada de catro puntos do seu carné de conducir. Aseguran iso non sucedeu, polo que a sanción viuse agravada pasando de 400 a 1200 euros.

Desde o Grupo Socialista querían que se "aclarase a veracidade desta información" e que o alcalde explicase, en primeiro lugar, "se empregou o vehículo, de propiedade municipal, para unha viaxe persoal" e en segundo "se tal vehículo foi sancionado por exceso de velocidade" e, ademais, quen se faría cargo do importe da devandita sanción.

Á petición dos socialistas sumouse este martes o grupo municipal do BNG, que solicitou na xunta de área de urbanismo a información acerca da sanción. Para o portavoz da formación, e candidato á alcaldía, Luís Seara, "non estamos diante dunha anécdota, senón dun feito moi grave que pon de manifesto como concibe Jácome e o seu equipo o uso dos recursos públicos".

Ao paso da situación saíu Pérez Jácome asegurando que "están a preguntar quen foi o condutor responsable" e que "se resolverá nuns días", garantindo do mesmo xeito que el "non ten nada que ver coa multa" e que "a infracción correrá a cargo da persoa responsable".

"Eu fago moitísimas viaxes de lecer a Vigo e a outros sitios de España, onde poida, que non teño moito tempo", manifestou o alcalde que insistiu en que "non ten nada que ver coa multa" e lembrou que hai cinco coches municipais e "úsanse indistintamente por funcionarios, persoal eventual ou mesmo pola Alcaldía".

Neste sentido, quixo lembrar que o primeiro que fixo o seu grupo de goberno foi vender o coche oficial. "Aforramos o soldo de dous choferes e estámoslle aforrando ao concello ao redor de 100.000 euros ao ano, 9.000 euros ao mes", dixo Pérez Jácome, reprochando ser cuestionado por "unha multa de 1.000 euros" cando "o aforro" ao concello ao non ter coche oficial nin chofer alcanza "os 9.000 euros ao mes. É incrible", resolveu.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno.. Rosa Veiga - Europa Press
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, intervén durante un pleno.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta