Cualificar a dirixentes da Xunta de "cuadrilla de psicópatas" abre unha guerra entre PPdeG e BNG

Os populares denuncian as "descualificacións inaceptables" de Montse Prado e pedirán o seu cesamento como portavoz de sanidade se non as retira. Pontón responde que quen ten que pedir desculpas é Rueda pola situación da sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, remitiu un escrito á portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, para solicitarlle "unha rectificación pública" despois de que a portavoz nacionalista en materia sanitaria, Montse Prado, chamase "cuadrilla de psicópatas" a responsables da Xunta durante unha intervención no Parlamento galego.

En concreto, a deputada do Bloque asistiu á comisión de sanidade da Cámara e, durante o debate dun dos puntos da orde do día, recriminou aos dirixentes autonómicos ser unha "cuadrilla de psicópatas á que non lle importa nada o que sufra a xente", en concreto sobre a situación da atención na área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés.

Por mor disto, o 'número dous' do PPdeG remitiu unha carta por correo electrónico á líder do BNG para pedirlle que rectifique estas "descualificacións inaceptables para unha responsable política como chamarlle psicópatas e dicir que os responsables da sanidade pública queremos que a xente morra".

"Podemos ter visións diferentes de como afrontar a política, de como afrontar a sanidade, pero iso non pode xustificar, en ningún caso, unhas descualificacións desta maneira", subliñou Paula Prado, en declaracións aos medios.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa na sede do partido. / PPdeG / Europa Press
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, en rolda de prensa na sede do partido. / PPdeG / Europa Press

DESCULPAS DE RUEDA

Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu en que é o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o que debe de pedir desculpas pola situación da sanidade pública, avalando así -- aínda que sen dicilo explicitamente-- á portavoz nacionalista en materia sanitaria, Montse Prado.

Pontón respondeu a esta cuestión, en preguntas aos medios, despois de que a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, remitise este venres un escrito para solicitarlle "unha rectificación pública".

A líder do Bloque destacou que o PP "non sabe que inventar para tapar o desastre da sanidade pública" e "teñen que pedir desculpas ás persoas que esperan en corredores do hospital a ser atendidas ou aos profesionais, que están nunha situación límite".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta