Celebrado o acto de gradación da Univerisadade de Abanca dos estudantes de programas de posgrao IESIDE

Os estudantes que obtiveron as distintas titulacións recibiron os seus diplomas de man do secretario xeral da UIE, Pedro Otero.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2023 | Actualizada ás 20:24

Comparte esta noticia

O Auditorio Abanca de Santiago de Compostela acolleu este venres a cerimonia de entrega de 125 títulos de posgrao aos estudantes das promocións 2020-2021 e 2021-2022 dos programas de 'Executive Education': Master in Business Administration (MBA), Dixital Management, Dirección Financeira e International Business, que marcan a transición de IESIDE á Universidade Intercontinental da Empresa (UIE).

Os estudantes que obtiveron as distintas titulacións recibiron os seus diplomas de man do secretario xeral da UIE, Pedro Otero; de Susana Sánchez, directora xeral de Parfois e madriña das promocións de posgraduados; da presidenta de Alumni UIE, Carlota Sánchez-Montaña; e do vicesecretario xeral de UIE, José Luís Vilanova.

Pedro Otero foi o encargado de abrir a cerimonia, cunha mensaxe aos novos graduados, a quen trasladou "o profundo recoñecemento da universidade" polo seu "traballo duro, ilusión e perseveranza".

"Do mesmo xeito que vós, estamos convencidos de que potenciar a formación da sociedade é o camiño cara ao progreso, e este é o obxectivo polo que traballamos tamén agora, en UIE, a primeira universidade privada de Galicia cara á que evolucionou IESIDE, e na cal ofrecemos unha formación de primeiro nivel, con vocación de servizo público, baseándonos na innovación e a internacionalización", engadiu.

UNIVERSIDADE INTERCONTINENTAL DA EMPRESA

A Universidade Intercontinental da Empresa (UIE) iniciou a súa andaina o 1 de setembro de 2022 con catro graos: Enxeñaría en Sistemas Intelixentes, Administración de Negocios Dixitais, Administración e Dirección de Empresas, e Enxeñaría da Empresa, que se imparten simultaneamente nos campus da Coruña e Vigo. Á oferta de titulacións universitarias súmase o máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA) así como un amplo catálogo de educación executiva.

Tal e como apuntou Abanca, a UIE suma "máis de tres décadas de experiencia formando aos directivos das empresas de Galicia", cunha "actualización continuada para dar resposta" ás necesidades das empresas galegas e dos seus profesionais.

"UIE é unha universidade de vangarda, privada e de servizo público, sen ánimo de lucro e comprometida co desenvolvemento sustentable da sociedade, da cultura e da economía galega", apunta a entidade, que o considera "un proxecto estratéxico de responsabilidade social corporativa e institucional", financiada exclusivamente cos seus propios recursos. Así mesmo, lembran, a UIE destina a bolsas ata o 15% dos seus ingresos anuais, dando prioridade a persoas con talento que teñan un baixo nivel de renda.

Acto de gradación dos estudantes dos programas de posgrao de IESIDE.. UIE
Acto de gradación dos estudantes dos programas de posgrao de IESIDE.. UIE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta