O BNG sobre as críticas do PP pola foto cos alcaldes: "Pensan que o Parlamento é a súa leira"

Os grupos acordan abrir "unha reflexión" sobre o uso dos espazos do Pazo do Hórreo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2023 | Actualizada ás 15:30

Comparte esta noticia

A fotografía da líder do BNG, Ana Pontón, xunto a alcaldes da formación frontista o pasado sábado na escalinata da fachada principal do Pazo do Hórreo e as críticas do Partido Popular ante o que consideran un "uso partidista" das instalacións do Parlamento protagonizaron a reunión da xunta de portavoces celebrada este martes, na que os grupos acordaron abrir "unha reflexión" sobre o emprego das estancias da sede do Lexislativo autonómico.

"As normas están para cumprilas. Se non hai vontade de respectalas, mellor que non haxa normas", aseverou o portavoz do PP galego, Pedro Puy, na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, na que os populares trasladaron o seu malestar pola fotografía de Pontón acompañada por rexedores do seu partido tras un acto político no que os nacionalistas criticaron a xestión sanitaria da Xunta.

"O que molesta non é a foto, é que denunciemos a situación da sanidade e as consecuencias e as políticas do PP", manifestou a viceportavoz parlamentaria do Bloque, Olalla Rodil, que acusou a un Partido Popular ao que ve "moi nervioso e obesesionado" co BNG de "pensar que o Parlamento é a súa leira".

Para Rodil, existe unha "dobre vara de medir" á hora de xulgar os feitos do BNG, como, ao seu xuízo, evidencia que o PP proteste agora por unha fotografía similar á que realizou a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, acompañada por membros da Alianza Libre Europea durante a visita dunha delegación do eurogrupo a Galicia o pasado mes de setembro.

"O problema non é a foto, o problema é que o BNG defenda o dereito á saúde dos galegos", reiterou antes de lembrar que deputados e senadores do PP protagoizaron unha fotografía na escalinata do Congreso o pasado 1 de decembro durante unha concentración contra a Lei de liberdade sexual.

Con todo, os populares cren que o BNG excedeu as normas do Parlamento que estipulan as posibilidades de uso dos distintos espazos que conforman o Pazo do Hórreo, unhas regras que, segundo Puy, deben ser "preservadas".

Neste sentido, subliñou que a regulación aprobada en 2019 determinan que os grupos deben cinguirse ás súas dependencias dentro do edificio para organizar actos de partido, algo que cre que non se cumpriu o pasado sábado por parte do BNG.

"A nosa opinión como grupo é que hai espazos dedicados ao debate, outros á actividade dos partidos e outros para accións conxuntas ou institucionais que deberiamos preservar porque son de todos", incidiu Puy. Precisamente a polémica xurdida ao redor destes feitos provocaron que a reunión da xunta de portavoces deste martes prolongouse no tempo máis do habitual.

Segundo o portavoz popular, o tres grupos con presenza no Pazo do Hórreo (PP, BNG e PSdeG) acordaron abrir un período de "reflexión" sobre o uso das instalacións dun edificio que, como apuntou, ten unhas característias "propias" e "non está aberto á rúa", nunha resposta velada a Rodil por traer a colación a foto de representantes do PP no Congreso a principios de decembro.

PROTESTA DE ALCALDES DO PP, "ACTO POUCO EXEMPLAR"

A preguntas dos xornalistas, Pedro Puy cualificou de "acto pouco exemplar" a protesta de alcaldes do PP que no seu día, en 2005, cando Alberto Núñez Feijóo dirixía aínda o PPdeG na oposición antes de recuperar a Xunta, chegaron a entrar no recinto do Parlamento xerando un importante tumulto.

"Eu que non estaba daquelas, non coñezo detalles. Probablemente foi un acto pouco exemplar. Pero hai que lembrar que daquelas non se lle permitía a entrada a alcaldes, nesta (o pasado sábado) xa estaban dentro cando fixeron a fotografía. Disculpasre dunha acción que entendemos que non é correcta cunha acción feita hai décadas parece un mal argumento porque dalgunha forma é recoñecer que se está facendo algo que non é acorde co que marcan as normas", profundou Puy.

Ana Pontón con alcaldes do BNG na escalinata principal do Parlamento de Galicia, fotografía que provocou o malestar do PP. BNG
Ana Pontón con alcaldes do BNG na escalinata principal do Parlamento de Galicia, fotografía que provocou o malestar do PP. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta