Grazas a este concurso xa tes unha excusa para facer a túa declaración de amor a través de Instagram

'Lingua de Namorar' pretende dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2023 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

A Xunta presentou este martes a duodécima edición de 'Lingua de Namorar', o concurso de declaracións de amor en lingua galega co que o Goberno autonómico pretende dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentaron esta mañá no Pazo de San Roque a nova edición deste certame que conta con tres diferentes categorías, unha exclusiva de mensaxes en Instagram.

García asegurou que o obxectivo que ten a Xunta con esta iniciativa, "como cada ano", é incrementar a percepción do galego como unha lingua útil para os momentos de lecer, a diversión e as relacións persoais, así como para as mensaxes de amor, "sobre todo en redes sociais".

Pola súa banda, Pichel destacou que este certame "xa está consolidado", e lembrou as "boas cifras" da pasada edición, na que participaron "máis de 2.500 persoas entre participantes e votantes".

CATEGORÍAS E PARTICIPANTES

O concurso está dividido en tres categorías, dúas delas para web (A e B) e unha exclusiva para Instagram (C). As mensaxes, en verso ou prosa e en galego, pódense presentar ata o 17 de marzo.

Para as categorías A e B deberase cubrir un formulario de inscrición a través da páxina do concurso. A primeira destas, está reservada para a mocidade de entre 14 e 19 anos, mentres que na segunda poderá participar xente de entre 20 e 35 anos. Ademais, as mensaxes participantes non poden superar os 350 caracteres e serán publicados na páxina do concurso, identificadas o títulos e o número que se lle asigne a cada participante.

Por outra banda, a categoría C está aberta a toda a xente de entre 14 e 35 anos que queiran participar directamente na imaxe habilitada para o concurso no perfil de Instagram de 'xuventudedegalicia', cun texto que non poderá exceder os 200 caracteres.

Para entrar nesta modalidade do concurso os interesados tamén deberán etiquetar a outros dous perfís no seu comentario, así como seguir ás contas de Instagram de 'linguagalega' e 'xuventudedegalicia'.

PREMIOS E XURADO

No relativo aos premios, os responsables da Xunta comunicaron que haberá tres para a categoría A e outro tres para a B. Os primeiros recibirán unha 'tablet', os segundos un libro electrónico e o terceiro uns cascos inalámbricos. Así mesmo, a categoría C só terá un gañador que recibirá unha 'tablet'.

Do 20 ao 26 de marzo todas as persoas que o desexen poderán votar as súas mensaxes favoritas das categorías A e B, para o que deberán rexistrarse previamente na páxina do concurso. Posteriormente, o xurado elixirá as propostas gañadoras entre as 50 máis votadas.

A forma de xulgar será ao contrario na modalidade C, na que o xurado do certame fará unha preselección para que, máis tarde, sexa o público o que elixa a mensaxe gañadora entre o 11 e o 16 de abril.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Xunta de Galicia
A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García. Xunta de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta