Curandeiros, menciñeiros e librerías

Son dun tempo no que as nais non obrigaban a levar no peto superior da chaqueta un dente de allo para escorrentar o mal de ollos. Tempos de curandeiros e menciñeiros – home e mulleres- que axudaban a curar doenzas de variado tipo. Profesións que se viñeron exercendo desde tempos inmemoriais. A min, sendo neno, a señora Lola “A Carballa” levantoume a paletilla con aquelado ritual asistida por outras dúas mulleres.

Por Xosé Glez. | Vigo | 20/02/2023

Comparte esta noticia
Na miña parroquia exercían senllas actividades terapéuticas Dona Enriqueta e Manè, ambos os dous, ensalmadores e espiritistas, utilizaban artificiosos ritos para escorrentar males e facer diagnósticos de disfuncións síquicas e fisiolóxicas. “O Pichón” tiña tanta sona que  os arredores da súa casa estaban ateigados en ordenada fileira xentes de distintas e distantes procedencias xeográficas. Don Manuel, como a el lle gustaba que o chamasen, era máis ben compoñedor, integrado no grupo denominado dos compostores. 
 
Aló por terras de Celanova, en Outomuro, Cartelle, exerceu Antón Pérez o oficio de curandeiro que conseguíu sonada reputación mesmo  no norte de Portugal.  Desde alí acudían en luxosos coches  moitos doentes na procura dunha solución para os seus cánceres. Antón curaba a uns e a outros non. O que non sabía ninguén é que Antón viaxaba con frecuencia a Madrid onde un laboratorio lle facilitaban probas de ensaios farmacolóxicos en  fase experimental que el receitaba como da súa colleita. 
 
Sobre o curandeirismo escribíu  acaídas reflexións o doutor García Sabell. Tamén Victor Lis Quiben, falanxista pontevedrés que pasa por ser autor dun libro sobre  medicina popular, cando en realidade a autoria do estudo é de Fermín Bouza Brey, que tivo que cederlle os orixinais para salvar ao seu irmán Luís, encarcerado no penal da  illa de San Simón. O médico lugués Jesús Rodríguez López é  autor dun estudo ben documentado sobre a medicina popular. Outros moitos antropólogos escribiron cadansúa obra sobre a arte de curar.
 
Todo isto vén a conto  porque o próximo día 24, ás 20:00 horas, participarei na presentación dunha novela titulada “La saga de las curanderas”  da profesora Marisa Castro Cerceda, bióloga, con antecedentes familiares  nos que houbo tres xeracións de mulleres curandeiras.Mesmo ela puido ser continuadora da saga familiar. 
 
Non é casualidade que Marisa escollese a librería Librouro en Vigo, fundada por Antón Patiño, porque tamén el rescatou a biografía esquecida de Filomena Arias Armesto, “a bruxa de Torbeo”, divulgándoa nos congresos de medicina popular organizadas polo P.Fontes en Vilar de Perdizes,na raia seca con Portugal. A Patiño débeselle a distribución clandestina o “Sempre en Galiza” de Castelao, editado por Edicións as Burgas de Buenos Aires. Eu mesmo contribuín a vendelo con todas as cautelas que esixía a distribución dunha obra proscrita polo franquismo. Empezou vendéndose a 170 pesetas para logo subir a 220, e un ano despois 270. A maior demanda,maior prezo.
 
A participación  na presentación do libro da profesora Marisa Castro, evocarame un pasado vigués no que houbo moitas e boas librerías na cidade. Pero sobre todo a axuda que algunhas delas nos prestaron para fornecer de material os aparellos clandestinos de impresión da UPG. Como responsable político tiven a obriga de crear unha rede de fornecedores de folios, clichés de tinta para as multicopistas. Un labor que esixía extremar as medidas de clandestinidade que establecimos  para evitar erros que puxesen en perigo aos nosos colaboradores. Lembro a actitude valente de Pepe Vázquez Ulloa, propietario da librería A Esmorga na rúa da Gamboa, quen tiña as caixas debidamente preparas para facer o trasvase ao automóbil rapidamente por ser un lugar moi transitado; A “Librería Cultural”, no barrio de Coia, rexentanda por Fernando, un extraballador da Librería Librouro, librería que como queda dito era de Antón Patiño, quen tamén nos fornecía. Escolliamos as primeiras horas das mañás dos domingos para recoller o cargamento. A Librería Gran Vía,propiedade dun vasco  apelidado Eizaguirrre, militante do PNV, tamén nos subsministrou nalgunhas ocasións ese material. En  Santiago, a Librería Virgondoiro,situada na Praza da Universidade, atendida por Gonzalo Chao, reconvertido décadas despois en célebre actor de series televisivas, formaba parte tamén  da rede. Rufo Pérez, secretario do Instituto de Ensino Medio Santa Irene, militante da primeira fornada de upegallos, a través de Méndez Ferrín, tamén participou naquelas colaboracións imprescindibles para manter ben fornecidos os aparellos de propaganda da UPG. Aquela actividade recadadora  tiña moitos riscos, pero como moitos outros, asumínos con enteireza. “Viajes Uruguay”, oficina situada na rúa Marqués de Valadares de Vigo, dirixida por Xosé Luís Villaverde Varela, tamén participou na rede clandestina.
A todo eles poderíamos conferírlles o título de meigos.
 

A TVG promociona no programa 'A Revista' a un curandeiro de Combarro.
A TVG promociona no programa 'A Revista' a un curandeiro de Combarro.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.