Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/02/2023 | Actualizada ás 14:17
O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asegurou este mércores no Parlamento que "nunca" houbo en Galicia "un nivel de coñecementos, competencias e destrezas" en galego "tan alto como agora" e lembrou que o seu uso responde "á liberdade das persoas".
Así o dixo en resposta a unha interpelación formulada polo deputado nacionalista Daniel Castro, na que alertaba sobre os datos de uso de galego en Galicia, especialmente entre a mocidade. Fronte a iso, o conselleiro pediu "desvincular" o coñecemento do galego do seu uso e dixo que, aínda que a Administración pode "estimulalo", "non pode obrigar" a falar en galego á poboación.
EDUCACIÓN
"Non se pode dicir que o sistema educativo non estea a cumprir", dixo Román Rodríguez, para quen é necesario "potenciar e defender a lingua" pero "baixo o prisma da liberdade". En materia lingüística, o conselleiro apostou por "entender o que quere a maioría dos galegos" en "un ámbito tan sensible como este".
Dixo que en Galicia "non hai imposicións lingüísticas" e "non se persegue a ninguén por falar nunha lingua ou outra". Fronte a iso, acusou aos nacionalistas de "excluíntes": "O que está claro é que Galicia non quere a inmersión lingüística monolingüe que quere o BNG", apostilou, "Galicia non é Cataluña".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.