O fino senso das augas

Na fronteira entre Oregón e California, a placidez do Pacífico alterna coa bravura do delirio humano nesta quincuaxésimo sétima entrega de Viaxes sen Lee

Por Gabriel Rei-Doval | Brookings (Oregón, USA) | 26/02/2023 | Actualizada ás 21:34

Comparte esta noticia

O meu periplo por Oregón chegaba ó seu final; a entrada en California estaba cada vez máis preto. Despois da precipitada saída do Coos County tomei un tempo para recupera-la serenidade en meditación automobilística. Mentres a estrada se afastaba da costa, a miña atención comezou a dirixirse cara a dentro sen arreda-los ollos da estrada.

As augas de Humbug Montain State Park
As augas de Humbug Montain State Park

Desde a partida de West Bend o orballo caía incesante sobre o pavimento da 101. Nunha destas a morriñada pareceu dar un descanso coma os da costa ártabra en luns de novembro e parei a tomar un primeiro respiro onda Humbug Mountain State Park, porque na vida é saudable deixar marcha-la poalleira negativa que por veces enchoupa as nosas vidas. Unha forte baixeira en plena costa trouxo á miña memoria o descenso escarpado a Santo André de Teixido, onde o Cantábrico bica as augas do Atlántico batendo con forza nos rochedos das almas inmortais. A condución pacífica continuou aínda un pedazo máis ata chegarmos en tardiña outonal a Cabo Sebastián, ese refuxio de araos que se deixan arrolar con displicencia nas tormentosas augas do Pacífico.

Xirei á dereita logo dunha curva pechada coa idea de experimenta-la revirada enerxía sebastianista. Cuberta por árbores rumorosas pingando orballo verdescente estaba a vista da costa ateigada de araos. A inxenuidade humana, na súa inconsciencia, procura balsas de aceite perennes nos océanos da vida en lugar de acepta-la natureza etérea da existencia pasar da marusía incesante á calma morta sen solución de continuidade.

Os araos de Cabo Sebastián gozan da treboada perfecta sen naufragaren na súa furia destrutiva. Déixanse arrolar con mestría polas ondas do océano cun ollo fincado no silencio interior e outro alerta ós depredadores próximos. Para eles, o Pacífico é apenas un tobogán que lles trae decote quendas de bocarte fresco e plástico letal.

A calma de Cabo Sebastián interrompeuna unha chamada en pánico de Chuck. A piques de iniciar unha sesión de kundalini na soidade do seu apartamento para extirpa-lo profundo tremor instalado no seu ser, buscaba as razóns últimas de Rob entrar no seu apartamento a tiro limpo unhas horas antes. 

O Pacífico no sur de Oregón
O Pacífico no sur de Oregón

Nin a gravidez de Jodie nin o perigo de asistir á crianza do seu fillo desde a escuridade dun calabozo arredaran a obsesiva mente de Rob de procura-lo innomeable. O primeiro tiro da súa escopeta batera no ferrollo superior da porta e, mentres vociferaba a traizón covarde de Chuck ós catro ventos, a veciña do piso de enfronte pulsaba 911 e daba parte do delirante intento homicida.

Non deixaba eu de preguntarme por que Chuck pensara en min para compartir tan horrendo pesadelo. Se cadra, alguén enchoupado en empatía telefónica que evita xulga-las traxedias do outro é o bálsamo perfecto para a punzante barbarie humana. Ademais de actuar con sentidiño no máis inmediato suxerinlle, consonte as súas preferencias espirituais, combinar por un tempo meditacións dinámicas en matíns con solpores kundalini para equilibra-lo yin-yang que o seu descerebrado examigo lle furtara. Con agradecemento colgou o teléfono e, sen máis demora, saín cara a Brookings, onde remataría aquela montaña rusa en que a miña partida de Oregón acabara derivando.

Mentres se achegaba o último solpor de Oregón, os tempos eran chegados: o Grande Espírito debía mediar para que o raio incesante cesase por un tempo e que o neboeiro dese paso á restauradora luz do outono, ó fino senso das augas do Pacífico.

A costa verdescente de Brookings, Oregón
A costa verdescente de Brookings, Oregón
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA