1 de 84 en Viaxes seguinte

O dereito de vivir en paz

Nesta sesaxésimo quinta entrega de Viaxes sen Lee o navegante emocional Gabriel Rei-Doval explora o ronsel da paz ninguneada

Por Gabriel Rei-Doval | Berkeley (California, USA) | 10/03/2024 | Actualizada ás 13:25

Comparte esta noticia

Botei o día visitando o campus de Berkeley, a cidade onde loitas civís e distinguidos académicos se amalgaman como música e letra de rythm and blues. Dicía Carl Jung que o intelectualismo é xeito habitual de oculta-lo medo á experiencia directa. É normal, o homo academicus encontra na abstracción intelectual un refuxio seguro para mediocridades, medos e afectos amputados.

Ó pé de Dwinelle Hall na Universidade de California en Berkeley
Ó pé de Dwinelle Hall na Universidade de California en Berkeley

Esas mediocridades teñen como orixe a distinción que guía os comportamentos no planeta Terra. Mais o mundo do saber e o refinamento social favorecen tamén pugnas sociais necesarias para o progreso humano. Así que, antes de xuntarme con Xander, visitei a totémica Sather Tower, onde algúns asaltaron o ceo do intelecto e eu apenas enxerguei paixóns arquitectónicas do ego académico. Logo, agardando por explicacións de científico social, contemplei a sobriedade de Dwinelle Hall cavilando na encrucillada da retórica, a lingüística, a historia e as linguas do mundo.

E mentres contemplaba a senlleira cúpula lateral do edificio albisquei o andar pousado de Xander coa súa barba circular de antropólogo alternativo. Trala documentación fotográfica pertinente, saímos do campus a través de Sather Gate. Camiñamos ata o Southside e tomamos Telegraph Avenue camiño de People’s Park. En chegando ó parque rebelde faloume dos símbolos dese mundo mellor no que el deixara de crer en beneficio da confortable cadeira de pel granate da súa oficina. Esa renuncia ó espírito crítico pola comodidade do cenáculo intelectual invade tamén as requintadas elites académicas, temerosas sempre de arriscaren a súa seguridade libresca. E Xander tiña máis que gañar procurando sumarse ó poder que ningunha antopoloxía académica podía frear.

People’s Park ten sido campo de batalla das loitas civís e universitarias ante as cúpulas académica e política de Berkeley, sempre ávidas de ingresos para as súas expansivas arcas. Nun recuncho do parque xacían Bob e Dolly, afables hippies co seu letreiro-protesta chantado na herba a reclamar esa rareza contemporánea chamada paz. 

Hai máis de medio século que o parque vén sendo obxecto da cobiza fronte ós menos favorecidos. Carreiras coa policía, sentadas interminables, acampadas para frea-las excavadoras ou sabotaxes á maquinaria de construción foran técnicas habituais dos movementos protestóns coa autoridade, refractaria ela a viviren en paz xentes que pouco achegan ás agarradeiras do poder. O poeta Ho Chi Minh era aínda presidente mentres as liortas de People’s Park se facían audibles alén mar. Daquela, mentres Bob e Dolly  apenas eran proxectos, o poder do berkelio expandíase xa ata os regos do arrozal. 

Na totémica Sather Tower da Universidade de California, Berkeley
Na totémica Sather Tower da Universidade de California, Berkeley

Acaba o dereito de vivir en paz duns onde comeza o doutros? Pregunteille a Xander polo poder do berkelio e sorriu con aqueles ollos de desilusión azulada asegurando que ese poder estaba reservado a investigadores de aplicación industrial, químicos interesados en centrifugar transuranio e enxeñeiros a construír isótopos nucleares. “Aquí existe esa tradición das descobertas científicas e construción de bombas atómicas, por iso demos nomeado compostos coma o californio. Os antropólogos non podemos move-la industria, apenas criticala”. “Criticar non é pecado” -retruquei-. 

Nesa altura da súa vida, Xander laiábase de non ter revolucionado a antropoloxía, e centraba a enerxía en atura-las frustradas personalidades dos seus colegas departamentais sen máis axuda ca o yin ioga e en completa-la crianza do seu triplete filial sen excesivas derrotas.

Falamos da paz interior e da empatía universal, e Xander concluíu que eran tan fugaces coma as reaccións nucleares do berkelio. “O custo de producir reaccións atómicas é grande,  o prezo de acada-la paz tamén”, remachou. Moitos humanistas e científicos, sociais ou non, céntranse en satisface-los seus egos académicos, as autoridades políticas e os petos do capital financiador.

O custo da paz é ás veces incompatible co traballo académico e a competencia polo poder económico. Porque ter paz implica sentir paz, acepta-lo que o outro ten, os seus logros, a súa felicidade interior. E a envexa é obstáculo maior, sexa na Telegraph Avenue de Berkeley ou nos vieiros da vida académica. Xacando e hogano, a mente humana eclipsa o dereito de vivir en paz, ese dereito universal que rebentan mentes obsesivas con xenocidio criminal en Gaza e en Ramallah. Un dereito que é canto universal, fogo de puro amor de tódalas esperanzas de sermos humanos e existirmos como seres do Planeta Terra. Un dereito por reinventar, hoxe e sempre.

Na procura da paz en Telegraph Avenue, Berkeley
Na procura da paz en Telegraph Avenue, Berkeley
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA