1 de 18 en Viaxes seguinte

De paso

Nesta septuaxésimo quinta entrega de 'Viaxes sen Lee', a exploración emocional continúa itinerante rumbo leste na procura de puntos de luz

Por Gabriel Rei-Doval | Flagstaff (Arizona, USA) | 19/08/2025 | Actualizada ás 13:31

Comparte esta noticia

Saín de Las Vegas sen mirar atrás nunha ruta de varias horas rumbo leste. Sen plena conciencia do ronsel que acabaría por levarme de volta a Milwaukee, dei en subir a por aire a altitudes superiores, camiño do Canón do Colorado, o obxectivo máis inmediato do meu devalar en Arizona.

Lusco-fusco no Pazo de Xustiza de Flagstaff
Lusco-fusco no Pazo de Xustiza de Flagstaff

Distanciarme da cidade dos casinos fíxome almorzar nun deses pasos á beira da estrada, arredor do paralelo trinta e cinco. Conducir sen mirar atrás ás veces abre portas da percepción nunca antes imaxinadas. Quizais o meu vieiro coincidira en parte co camiño de carro de Beale século e medio atrás, mais as miñas accións eran apenas individuais e nunca producirían efectos noutros seres.

O almorzo deu paso a máis condución entre espazos abertos verdes, agrisados e pardos, nunha progresiva subida que os vaivéns da altitude ocultaban naquela segunda quincena de novembro. Ó cruzar Willow Beach pensei en como os Mojave e Virgin do sudoeste ollarían as sucesións de meandros do Río Colorado. O que para min era apenas un lugar de paso, para as nacións ancestrais fora o fogar de onde o home branco os desaloxara pola forza.

A ruta continuou e, no avanzado serán, cheguei a Flagstaff, pequena cidade pretiño do Gran Canón, parada obrigada do viaxeiro das inmensidades estadounidenses. As diferentes vivencias da cidade confirmaban a súa natureza diversa. Lugar de adestramento de deportistas de elite, asexo dos carteis meridionais ou enclave para descansaren viaxeiros coma min, prestos a visita-lo Canón do Colorado en toda a súa plenitude.

Arranxada a nocturna pousada, entrei en Flagstaff para  experimenta-las sensacións do lusco-fusco. Camiñei por San Francisco Street ata bater cos austeros xardíns arborados do Pazo de Xustiza. E na esquina da torre do reloxo atopei, sentado nas escaleiras do edificio, un mozo afroamericano de ollar limpo e cabelo crecho, inmerso en tribulacións ignotas.

No centro de Flagstaff en Arizona
No centro de Flagstaff en Arizona

Saudeino con cordialidade neutra ignorando a súa disposición a conversar. Tras uns segundos de silencio, a suave brisa do suroeste acariñou o seu cabelo acibeche mentres acompasaba o seu mirar esguello con outro saúdo amigable. Carter visitaba o lugar onde seu pai fora condenado inxustamente por un delito non cometido. Con vinte e sete anos tocáralle xestionar inxustizas irreparables sen perde-lo seu centro e gañar resiliencia ante adversidades nunca procuradas. Mais ás veces as treboadas súbitas acaban incomprensiblemente vencidas e as pezas do crebacabezas sobreviven as desfeitas de tronos extremos, inexplicablemente recompostas en mosaicos de vidro cuarteados.

A ausencia temporal do pai converteu Carter en menos vulnerable ás adversidades externas cando concentrou as súas forzas en seguir adiante á espera do cambio de rumbo duns ventos alleos ó seu control. A súa madurez contrastaba coa perda de referentes de mozos da súa idade que, con menos motivos, acabaran enganchados ó fentanilo ou a hábitos igualmente demoledores para o corazón humano. Carter optara por fundar un trío Reggae para canaliza-lo alleamento familiar que os prexuízos e a inxustiza racial trouxeran á súa vida, aceptando a natureza fluída e imprevisible do seu inmerecido devir. 

A súa amizade con Alaina estreitárase naqueles meses en que fusionaran músicas e letras diversas, compostas en colaboración na nocturnidade impermanente de Flagstaff, onde poucas evidencias se mantiñan en pé naquel avanzado outono de paso.

Carter e Alaina apertaban cicatrices de todo punto inútiles mentres camiñaban de vagar nunha Arizona que, coma a miña viaxe de volta, avanzaba amodiño en días que eran apenas diminutos puntos de luz nunha existencia centrada en respirar, sempre de paso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA