1 de 17 en Viaxes seguinte

Tódalas náuseas a náusea

As sombras nocturnas asolagan os gozos viaxeiros nesta septuaxésimo cuarta entrega de 'Viaxes sen Lee'

Por Gabriel Rei-Doval | Las Vegas (Nevada, USA) | 09/08/2025 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Armin pensaba que a mellor ruta desde Irvine ata o Gran Canón e Santa Fe era a través de Las Vegas e convenceume para visita-la cidade dos casinos. A ruta desde o sur de California pola Interestatal 15 virou fermosa tralo ascenso progresivo e vista ampla desde as alturas. A paisaxe mudou e o ollar perdíase nun horizonte aberto, engalanado por outeiros prominentes e rectas infindas. Só a necesidade de prestar atención á condución impedía gozar da éxtase desértica na autovía entre California e Nevada, mentres por momentos parecía tocarse o ceo coa man. 

Entrando en Caesars Palace
Entrando en Caesars Palace

A sensación foi interrompida polas sombras xeradas naquel serán temperán de novembro. Armin falárame de parar na Ivanpah Solar Power Facility, pero faltaba case unha hora para arribar ás Vegas e deixei para outra ocasión a visita á planta termal solar máis grande do mundo. Aínda non sabía como sería a entrada no lugar onde nada pasa e todo queda e seguín centrado nos gozos e as sombras do camiño, porque o vieiro ás veces é máis importante ca o destino.

Finalmente, a chegada ás Vegas coincidiu cun lusco-fusco que me limitei a aceptar. Na recepción do hotel comezou a espertar en min un rexeitamento visceral a aquel lugar. Optei por unha parada breve no cuarto e saír o antes posible a depositar algo no estómago, regado durante o delicioso periplo desértico entre California e Nevada apenas con auga e froita.

A recepcionista do Ballys recomendara o bufete de Caesars Palace, mais trala ponte de Flamingo Road unha sensación de náusea foi facéndose evidente mentres enxergaba os neóns prominentes e despropósitos arquitectónicos de Las Vegas Boulevard. Tanta esaxeración urbana estaba a dificulta-la miña orientación na procura da entrada ó hotel-casino máis importante da cidade. O que noutros lugares era claro alí ocultábao a opulenta ostentación dos edificios que disipaba a xeolocalización do camiñante.

Atravesei o corredor do complexo, cheguei a un amplo recibidor interior e preguntei a un sesentón achaparrado de lentes redondos pola sala de xantar. Identificouse como Augusto, colombiano e ensinante de cultura latinoamericana na Universidade de Nevada. Insistiu solícito en acompañarme para cear na sala central do Caesars, amainando o meu desconcerto con precisións xeográficas. Como bo latinoamericanista, Augusto adoraba a carne bovina á grella regada con abundante Merlot chileno, que inxería con voracidade.

The Strip en Las Vegas
The Strip en Las Vegas

Finalmente, aceptei compartir mesa e mantel naquel local kitsch onde todo era posible cun académico moreno ben versado no boom a conversar con humor estereotípico e previsible, guiado polo etílico elemento. A súa obsesión polo canon literario só era comparable á que manifestaba polas curvas femininas. A conversa cun estraño de paso que a mañá seguinte se evaporaría como néboa de novembro estimulou a intensidade dos seus prexuízos, ata que a conversa despegou completamente da literatura do boom para perderse na mesta néboa de frustracións vitais e naufragar nos valores de existencia simple de avanzado outono.

Así, a náusea kitsch da arquitectura circundante aliñouse coa que comezou a producirme aquel calvo sureño que tapaba as frustracións vitais co cartón da súa testa dourada polo sol de Nevada. A sensación vomitiva foi in crescendo e colapsou cando comezou a referirse a unha colega súa como profesora de peso consonte a masa muscular acumulada sobre a base ósea. Daquela tiven que abandona-la mesa e dirixirme con urxencia ó baño anexo ó comedor e baleira-lo sistema dixestivo superior para atopar un mínimo equilibrio orgánico.

Escusei o meu malestar polas condicións da viaxe e saín apresurado do restaurante. Camiñei de volta ata Ballys e crucei ás présas un recibidor de ollares extraviados sobre máquinas comecartos. Subín sen dar tempo a pensar, centreime no sorber dunha macela naquel cuarto enmoquetado en vermello e verde escuro e procurei refuxio incondicional en Morfeo.

Ó espertar, na mañanciña, a náusea seguía alí. Así que, sen tempo para cavilar e resolta a loxística máis básica, arranquei o coche sen mirar atrás e saín daquela cidade kitsch coa esperanza de que "o que pasara nas Vegas permanecese nas Vegas", confiando en que aquela náusea non fose excepcion de tódalas náuseas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA