O BNG leva á valedora a "ocultación" dos contratos da Xunta con Eulen, onde traballa a "irmá de Feijóo"

Tamén denuncia a falta de información de Ence ou Greenalia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/03/2023 | Actualizada ás 15:48

Comparte esta noticia

O BNG presentou unha queixa ante a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, á que piden que actúe ante a "ocultación sistemática" de información e documentación por parte da Xunta, á que os nacionalistas tachan de "un dos órganos máis opacos e pouco transparentes de Galicia".

Varios deputados do Bloque rexistraron este mércores o escrito na sede do Valedor do Pobo, institución á que, segundo o parlamentario Daniel Castro, decidiu recorrer o grupo parlamentario frontista tras "meses de queixas públicas".

"Non nos deixa outra opción", sinalou Castro en declaracións aos medios ás portas da sede do Alto Comisionado do Parlamento galego, ao que instan a actuar polos "incumprimentos reiterados" da obrigación do Goberno autonómico de remitir nun prazo de 30 días a documentación que lle requiren os grupos do Pazo do Hórreo.

Castro incidiu en que algunhas das cuestións polas que preguntou o BNG suman "máis de dous anos" de espera, o que evidencia, ao seu xuízo, que se trata dunha "ocultación" deliberada do PP sobre determinados asuntos como os contratos adxudicados desde 2009 a Eulen, a empresa "onde traballa a irmá" de Alberto Núñez Feijóo.

O deputado nacionalista preguntouse "por que esconde" o PP os contratos con esta compañía e lembrou que o propio Feijóo demanda "agora que está en Madrid" que o Goberno central facilite o acceso á información por parte dos grupos da oposición.

Ademais das relacións contractuais coa compañía Eulen, Daniel Castro tamén apuntou que a Xunta "nega" o acceso a documentación sobre Ence, "os 11,7 millóns de euros perdoados" a Greenalia, a situación da CRTVG ou "as presuntas irregularidades" cometidas nas residencias de maiores.

Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009
Micaela Feijóo saúda o seu irmán tras a victoria electoral de 2009 | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta